Un domingo de humor e improvisación na Casa da Cultura da Picota
Se o sábado temos citacoa memoria histórica, o domingo en Mazaricos chega en clave de humor. A Casa da Cultura da Picota acollerá o próximo domingo 25 de xaneiro ás 17:00 horas a obra teatral "3 EN 1", unha proposta da Asociación Cultural Debullando Teatro que combina tres monólogos humorísticos nun formato interactivo e participativo que involucra directamente ao público.
A obra, con 75 minutos de duración, está protagonizada polos actores Javier Silva "Cholín", Mari Osorio e Pablo Alvite, que mediante monólogos individuais e conxuntos exploran situacións cotiás con humor e espontaneidade. O espectáculo inclúe desde as peripecias dos amigos de Cholín ata as particulares formas de ligar de Mari ou o ambiente festeiro preferido de Pablo.
"3 EN 1" destaca pola súa natureza aberta e interactiva, incorporando improvisacións, sorpresas e convidados especiais ao longo da función. A obra está deseñada para crear unha atmosfera próxima e dinámica, rompendo a cuarta parede e convertendo ao público en parte activa do espectáculo.
"Este tipo de propostas teatrais que mesturan humor, interacción e espontaneidade son especialmente atractivas para achegar novos públicos ao teatro e crear experienzas culturais compartidas", sinalou o técnico de Cultura, Suso Jurjo.
A función terá entrada libre e gratuíta ata completar o aforo da Casa da Cultura, seguindo a política de democratización do acceso á cultura que promove o Concello de Mazaricos. Recoméndase acudir con antelación para garantir a praza.