Os eólicos de Mazaricos xa revirten nas entidades locais
É pioneiro o convenio que o Concello de Mazaricos ao que chegou coa empresa Eurus Desarrollos Eólicos, promotora do parque eólico Ruña II. O Concello xa amosara en 2019 o seu rexeitamento ao modelo de invasión eólica, conseguindo no seu momento que polo menos esta revirta no territorio. No caso da Ruña II, despois de varias paralizacións xudiciais, chegouse a un acordo que permitirá canalizar preto de dous millóns de euros durante as próximas tres décadas cara ao tecido asociativo local: asociacións veciñais, culturais, deportivas e comunidades de montes.
Un total de vinte asociacións do municipio recibiron xa un ingreso inicial de 2.500 euros cada unha, nun acto no que participaron o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, o alcalde de Dumbría, Raúl González, representantes das entidades beneficiarias e responsables da compañía en Europa.
Durante a súa intervención, o rexedor municipal destacou "a importancia dun acordo que non só supón unha inxección económica inmediata, senón que garante un retorno sostido ao longo do tempo para as entidades que fan vida social, cultural e deportiva no noso concello".
As vinte asociacións beneficiarias poderán destinar estes fondos a actividades, melloras de infraestruturas, equipamento e proxectos de dinamización comunitaria, segundo as súas propias necesidades e obxectivos.
O alcalde concluíu sinalando que "este é un paso máis na construción dun modelo de desenvolvemento no que a implantación de enerxías renovables vai da man do beneficio para a veciñanza e as súas entidades".