Martes. 08.10.2024
El tiempo

O BNG denuncia, dende Mazaricos, a “extorsión” das eólicas a propietarios e Concellos da comarca

Foto xuntanza, Xan Blanco, Alcade de Mazaricos ocs deputados do BNG,  X.Luís Rivas e Luís Bará
Juan Blanco, Alcade de Mazaricos cos deputados do BNG, Luís Bará e X. Luís Rivas
O BNG denuncia, dende Mazaricos, a “extorsión” das eólicas a propietarios e Concellos da comarca

Está a ser o Concello de Mazaricos o primeiro que parou os pés ás empresas promotoras dos parques eólicos. Unha valentía recoñecida en todo o país, que agora recibe o apoio do BNG a nivel nacional.

Ata o concello mazaricán desprazáronse os deputados do BNG, Luís Bará e X.Luís Rivas para anunciar iniciativas para unha distribución xusta dos beneficios xerados polos parques eólicos. O alcalde Juan Blanco, que denuncia a continua “chantaxe” a propietarios para o asentamento de novos parques, explicoulles aos deputados que os novos parques buscan asentarse en terreos de uso agrario e gandeiro, precisamente a base da economía mazaricá.

Segundo o rexedor, as empresas utilizan “a chantaxe da declaración de utilidade pública e a expropiación para mercar terras a prezos moi baixos e maximizar beneficios”. Segundo datos do concello, os parques eólicos implantados en Mazaricos, “120 muíños, xeran máis de 30 millóns de euros anuais, mentres que concello e propietarios das terras reciben auténticas migallas”.

Para Xosé Luís Rivas “Mini”, “estamos diante dun auténtico espolio dos recursos e da riqueza do territorio, dunha rapina perpetrada coa complicidade da Xunta de Galiza, que aprobou a chamada lei de depredación para poñerlle fácil ás empresas a tramitación dos parques, pasando por riba dos intereses dos propietarios das terras e dos concellos”.

O BNG comprometeuse a levar o asunto ao parlamento en setembro.

Impacto dos parques eólicos na Devesa de Anllares

Caso aparte merece a afección dos parques eólicos na Devesa de Anllares, un bosque atlántico de 50 Ha situado á beira do Xallas, “auténtica alfaia natural e que debe ser obxecto da máxima atención e protección”. Segundo afirmou Luís Bará, “este valioso espazo natural estaba incluído nas ampliacións da Rede Natura iniciadas en 2008 e 2011, ampliacións que foron paralizadas pola Xunta de PP precisamente para salvagardar os “intereses de grandes empresas do sector enerxético e forestal”. No caso de Anllares, recalcou “a paralización da súa inclusión na Rede Natura abriu as portas á tramitación dos proxectos dunha minicentral hidroeléctrica e do parque eólico”.

Mazaricos reclama o 50% do Canon eólico que recada a Xunta

As cifras parecen claras, o concello de Mazaricos reclamou á Xunta de Galiza un reparto máis xusto do canon eólico, unha vez que a entidade autonómica recadaría 700.000€ mentres o Concello, a través do Fondo de Compensación Ambiental, recibe só 200.000. O Concello piden, cando menos, un 50% da contía.

Pide ademais Blanco que unha parte dos fondos se poidan dedicar a proxectos plurianuais como o plan municipal de mellora da rede de abastecemento de auga, unha obra, dixo, “absolutamente prioritaria para garantir o abastecemento domiciliario e o subministro a explotacións gandeiras”.

Novas relacionadas

Comentarios