Espazo Común denuncia o peche do Centro de Saúde de Mazaricos os sábados
O portavoz de Espazo Común Mazaricos, Javier González, denuncia o deterioro progresivo da atención sanitaria no concello, que cualificou como un “desmantelamento evidente dos servizos públicos no rural”.
A formación critica especialmente o peche dos centros de saúde os sábados, unha medida que obriga á veciñanza a desprazarse ata Santa Comba para recibir atención médica, algo que consideran especialmente grave nun concello rural cunha poboación envellecida.
Segundo sinala Espazo Común, a situación agravouse nos últimos meses pola redución de persoal médico, pasando de catro profesionais a tres, chegando incluso a haber momentos nos que un único médico atende a toda a poboación do concello.
Desde a organización tamén lamentan a falta de reacción política a nivel local. “Hai un mes acordamos facer forza conxunta entre goberno e oposición para defender a sanidade en Mazaricos, pero ata o momento non se produciu ningún movemento”, sinalou González.
Espazo Común considera que a política sanitaria da Xunta supón “un abandono progresivo do rural, onde se recorta pensando que haberá menos contestación social”.
Ante esta situación, a formación anuncia que convocará unha concentración a próxima semana si a veciñanza así a demanda para defender a sanidade pública no concello.
“Mazaricos non pode quedar calado mentres perde servizos básicos. Defender a sanidade pública é tamén defender o futuro do noso rural”, concluíu o portavoz Javier González.