Esixen unha cobertura de profesionais sanitarios digna para o Centro de Saúde de Mazaricos
Os recortes na sanidade pública levan provocando problemas no Centro de Saúde de Mazaricos, provocando que os grupos políticos esixan ao Sergas compromiso. Ante a preocupación manifestada pola veciñanza, especialmente entre os pacientes que tiñan asignada á doutora Iglesias como médica de cabeceira, o alcalde contactou directamente co responsable do Sergas para coñecer os plans para cubrir a praza vacante.
O alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, mantivo unha conversa co xerente da Área Sanitaria de Santiago- Barbanza para aclarar a situación xerada polo traslado dunha doutora e garantir que non se producirá ningunha redución de prazas médicas no centro de saúde do concello.
Dende a Área Sanitaria trasladaron que a praza da doutora María Iglesias non se amortizará, polo que non desaparecerá, que a vacante prodúcese temporalmente porque ningún outro profesional solicitou este destino, e que en canto algún profesional solicite a praza, tomará posesión e volverase á normalidade. Mentres tanto, as cartillas dos pacientes redistribuíronse entre o resto de facultativos do centro.
O Concello esixe o antemento de todas as prazas actuais sen ningún tipo de redución, un servizo de pediatría a tempo completo no centro de saúde e a presenza regular de matrona para evitar que as veciñas teñan que desprazarse a outros centros.
"Non consentiremos baixo ningún concepto que se reduza o número de facultativos no noso centro de saúde. Ao contrario, seguiremos insistindo na necesidade de mellorar os servizos sanitarios no noso concello, especialmente en pediatría e atención á muller", afirmou o alcalde, que manterá unha vixilancia activa da situación.
ESCO
Tamén o grupo de Espazo Común critica as “palabras baleiras sobre o rural”, por parte da Xunta e non aceptan menos do que xa tiña o Centro de Saúde.