As explotacións gandeiras do Xallas apostan polo autoconsumo

Xurxo López e Abel Vázquez

Intersante medida de aforro e autoconsumo enerxético a que veñen de realizar varias granxas das terras do Xallas. A explotación SAT Vila Alborés, en Mazaricos, e a fábrica Novo Campo Plantenes, en Santa Comba, veñen de facer novas instalacións solares cunha potencia de 80 KW e en réxime de PPA On-site. Outra, xa veterana nestas leas como a sociedade cooperativa Grille, aproveitou as condicións da empresa compostelá E.nova Enerxía para ampliar a súa planta fotovoltaica até os 80 KW, mentres que a fábrica Piensos Alborés instala unha planta propia de 40 KW.

Placas solares na explotacion agraria Novo Campo

Todos teñen claro que o sector pasa polo autoconsumo, que lles permitirá un aforro considerable. Así, as novas plantas fotovoltaicas da comarca xa achegan, de forma global, unha potencia de 280 KW á comarca da man da enerxética compostelá, reducindo os custes eléctricos, gañando independencia enerxética e favorecendo o proceso de descarbonización,

Placas solares na granxa SAT Vila Albores

A planta de SAT Vila Alborés, unha das gandarías de vacún orientada á produción de leite máis grandes de Galicia, vén de poñer en funcionamento sobre chan unha instalación fotovoltaica de 80 KW. A planta instalada, ademais, está dotada cun sistema de tracker, mecanismo que permite aos paneis modificar a súa orientación e resituar a súa posición segundo o movemento do sol. Con este funcionamento, a fotovoltaica amplía a súa produtividade ao redor dun 30%.
Traballa en réxime PPA On-site, unha fórmula, consistente nun contrato de compra-venda polo cal o cliente cede a súa cuberta ou un terreo e o provedor de enerxía renovábel encárgase do investimento e da instalación da planta solar no espazo cedido, a factura establécese a un prezo fixo e vantaxoso por KWh. Ademais, transcorrido unha serie de anos determinados no contrato, a instalación fotovoltaica pasará ser propiedade do cliente, neste caso, Vila Alborés.

Placas solares na explotacion agraria de GRILLE

Pola súa banda, outra explotación gandeira de referencia na contorna, a cooperativa Grille, fundada en 1963 por nove familias gandeiras de Mazaricos e cunha produción superior aos 30.000 litros de leite ao día, ampliou até acadar os 80 KW a súa planta fotovoltaica, instalada por E.nova Enerxía.

Novas relacionadas