Mazaricos proxecta unha residencia da terceira idade no antigo CEIP Pino de Val

Que simbólico do devir demográfico do país esta proposta do Concello de Mazaricos.

Este curso, o Mazaricos vía como a Xunta pechaba un dos seus coles. O CEIP Pino do Val botaba o peche trala súa fusión co da Picota. Pero o Concello quere aproveitar toda a infraestrutura e vén de aprobar en pleno, solicitarlle á Xunta a desafectación do edificio para promover unha residencia de maiores, quedando ademais unha parte do edificio como local social.

Este proxecto de residencia contará con capacidade para dar servizo a 50 persoas usuarias e significaría a creación de aproximadamente 30 postos de traballo directos e indirectos. Un proxecto que compaxinará o servizo das dúas casas do maior abertas este pasado ano.

Sandra Alvite e Juan Blanco

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, e a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Alvite, levaron a cabo nos últimos meses varias visitas para coñecer as experiencias doutros concellos galegos, caso de Silleda ou Boimorto, valorando distintas fórmulas para o desenvolvemento dunha residencia. “O noso proxecto conta cun plan realista de financiamento que non depende de administracións externas”, sinala Sandra Alvite. A concelleira engade que “evidentemente, o lóxico sería contar co apoio e o investimento da Xunta de Galicia, dado o carácter estratéxico deste proxecto”. En todo caso, o Concello de Mazaricos, unha vez desafecto o edificio, conta con capacidade para levar a cabo este proxecto polos seus propios medios, asegura Alvite, polo que “será unha realidade en canto dispoñamos das instalacións”.

Sobre os prazos, o Concello planea licitar o proxecto tan pronto se faga efectiva a desafectación, de forma que a residencia estea operativa xa durante 2023.

Novas relacionadas