Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Mazaricos contará con dúas Casas do Maior

Casa do Maior A Picota
Mazaricos contará con dúas Casas do Maior

Onte coñecíamos o fantástico proxecto cooperativo das Casas do Maior da Costa da Morte. 8 centros rexentados por mulleres cooperativistas por toda a bisbarra, coordinados dende Laxe, nacen para ofrecer un servizo máis que necesario na bisbarra.

Dos 8 centros, 2 desenvólvense en Mazaricos. A da casa do maior da Picota, que se situará na planta baixa da escola infantil da Picota, e a da parroquia de Alborés, que estará na Casa da Escola das Espigas.
Cada un destes proxectos de casa do maior contará con cinco prazas. As obras para habilitar os espazos prolongaranse durante os próximos meses, de forma que poidan entrar en funcionamento a finais de 2021 ou comezos de 2022.

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, visitou onte o espazo da Picota onde se habilitará a casa do maior e comprometeu o apoio municipal a todas as iniciativas tendentes a garantir o benestar dos nosos maiores. “Estas dúas iniciativas teñen unha especial relevancia nun municipio coma o noso onde hai un importante volume de poboación maior”, salientou o alcalde.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais de Mazaricos, Sandra Alvite Ferreiro sinalou “a relevancia desta iniciativa nun concello coas características demográficas de Mazaricos”. A edil salientou que estes dous proxectos permitirán afondar no benestar da poboación maior do municipio. “Son unha axuda para que todas as persoas maiores de Mazaricos desfruten de oportunidades e servizos dignos e adecuados, con independencia do seu lugar de residencia e sen que se vexan comprometidos polo feito de vivir no rural”, asegurou.

Novas relacionadas

Comentarios