A mocidade do CPI A Picota, coñeceu como foi a a ditadura dun señor con bigote

Que importante achegar á mocidade relatos verdadeiros do que foi o franquismo. Nesa singradura enmárcase a iniciativa da Deputación da Coruña de levar polos centros de ensino  ‘A ditadura é un señor con bigote’, de Montse Fajardo, unha das iniciativas gañadoras do Premio ‘Luísa Villalta’ a proxectos pola igualdade na súa edición de 2025.

A actividade, celebrada no CPI A Picota, permitiu ao alumnado coñecer de preto un traballo que afonda nas causas xudiciais abertas contra mulleres durante o franquismo e na análise da misoxinia estrutural do réxime, a partir do estudo das sentenzas da época.

Sol Agra no CPI A Picota

Durante a súa intervención, a deputada de Igualdade Sol Agra puxo o acento no valor desta proposta como ferramenta pedagóxica «para comprender a raíz histórica do machismo contemporáneo», destacando a súa capacidade para divulgar as consecuencias da ditadura desde unha perspectiva de xénero e contribuír á formación dunha cidadanía crítica e democrática.

O Premio ‘Luísa Villalta’ a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, contou na súa última edición con 22 propostas presentadas. Delas, o xurado seleccionou oito iniciativas, que recibiron unha contía máxima de até 12 500 euros.