luns. 26.01.2026
El tiempo

O Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal, un día de memoria e dignidade por Che de Pedro

Homenaxe a Che de Pedro en Mazaricos 5
O Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal, un día de memoria e dignidade por Che de Pedro

O recente recoñemento a nivel estatal de Che de Pedro como Vítima do Franquismo, ratifica a importancia do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal. Un acto organizado polo Instituto Galego de Terras Comunitarias (INGATECO) coa colaboración da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e do Concello de Mazaricos, que convirte a parroquia de Eirón no epicentro da memoria, dignidade e reivindicación institucional.

Nesta 5ª edición, o evento contou presenza do Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que puxo en valor o recente recoñecemento oficial de José Esperante París "Che de Pedro" como vítima do franquismo, e serviu para reunir a familiares das vítimas, veciños, representantes institucionais e expertos históricos nunha xornada cargada de simboloxía.

Homenaxe a Che de Pedro en Mazaricos Pedro Blanco
 Pedro Blanco na homenaxe

O Delegado do Goberno, acompañado polo alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, e o subdelegado na Coruña, Julio Abalde, destacou a importancia da memoria democrática como piares da democracia. "Este recoñecemento é un acto de xustiza, un deber moral e un compromiso claro de non repetición", sinalou Blanco, quen advertiu que "a democracia non se
defende só nas urnas, senón tamén na reparación e no recoñecemento das vítimas".
O Bloque Nacionalista Galego tamén quixo estar presente, na figura do seu responsable de medio rural, o deputado Secundino Fernández

A voz dos familiares

Homenaxe a Che de Pedro en Mazaricos 4

Argimiro Esperante, fillo de Che de Pedro, puxo voz á memoria familiar durante a xornada. Coa crudeza de quen viviu o trauma en primeira persoa, recordou: "Tiña só sete anos cando fun correndo ao monte e vin ao meu pai no chan envolto nun manoxo de toxos". A súa nai, viúva e sen axuda real, tivo que enviar aos fillos a diferentes colexios internos. "O recoñecemento é unha satisfacción moi grande, pero chegou tarde para miña nai", afirmou con emoción. Tamén dixo “Este recoñecemento hai que facelo extensibel a todas aquelas persoas e ás súas familias, que por estes feitos sofriro violencia institucional”

Análise histórica

O profesor da USC Eduardo Rico Boquete impartiu a conferencia "Repoboacións forestais e conflictividade social na ditadura franquista", onde analizou como o acontecido o 22 de xaneiro de 1963 en Eirón supuxo "un antes e un despois na política forestal". Segundo o experto, o conflito obrigou ao Estado a facer concesións como o establecemento de pasteiros e a participación veciñal nos ingresos das plantacións.

Homenaxe na Braña da Gatiñeira

A pesar do mal tempo, os asistentes desprazáronse ata a Braña da Gatiñeira, onde se produciu unha emotiva ofrenda floral diante do monumento a Che de Pedro e represaliados, que serviu para lembrar non só a Che de Pedro, senón tamén a Marcelino Esperante Antelo e Andrés Alvite Santos, feridos graves naquel día, e a todas as persoas represaliadas por defender as terras veciñais.

Un símbolo universal da resistencia rural

Pasados máis de 60 anos, a figura de Che de Pedro e a defensa dos montes de Eirón converteuse nun símbolo universal da resistencia rural e da soberanía da terra fronte aos abusos externos. O alcalde de Mazaricos destacou que "esta xornada non só honra o pasado, senón que reforza o noso compromiso co presente e futuro do monte veciñal e a dignidade do rural
galego".

Máis novas

 

Comentarios