O recoñecemento “de Che de Pedro" como vítima do franquismo fai máis grande o Día da Loita Comuneira de Mazaricos

O lugar de Eirón, no concello de Mazaricos, acollerá este sábado 24 de xaneiro a V edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal, organizado polo Instituto Galego de Terras Comunitarias (INGATECO). A cita terá este ano terá un significado especial tras o recoñecemento oficial de José Esperante París "Che de Pedro" como vítima do franquismo por parte do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, unha vez que foi asasinado o 22 de xaneiro de 1963, en Eirón, nunha carga da Garda Civil, mentres defendía, xunto coa súa veciñanza, o seu monte comunal da usurpación do Estado franquista para a reforestación..

Así, o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmou a súa presenza. “Que o Delegado do Goberno nos acompañe neste acto supón un recoñecemento institucional importante á memoria de Che de Pedro e a todas as persoas que loitaron pola defensa do común durante o franquismo", sinalou o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco.

O acto servirá para lembrar a defensa das terras veciñais que labregos e labregas de toda Galicia realizaron durante o franquismo, e especialmente o sucedido o 22 de xaneiro de 1963 en Eirón, cando Che de Pedro foi asasinado por disparos da Garda Civil, e Andrés Alvite Santos e Marcelino Esperante Antelo resultaron feridos graves ao defender o monte veciñal fronte á incautación para repoboación forestal.

O programa comezaás 11:00h no Local Social de Eirón, coas intervencións de INGATECO, alcalde de Mazaricos e ORGACCMM. Haberá unha charla a cargo do doutor en Historia Eduardo Rico Boquete (USC) sobre "Repoboacións forestais e conflictividade social na ditadura franquista”. Dwspois do café visitarase a Braña da Gatiñeira, para facer a xa tradicional lembranza das persoas represaliadas no franquismo diante do monumento a Che de Pedro, coa ofrenda floral ao son do Himno Galego, que será interpretado pola artista mazaricana Yas Deluaces.

Máis novas