Mazaricos homenaxeou ás persoas que defenderon o monte veciñal no III Día da Loita da Veciñanza Comuneira
Máis de medio cento de veciñas e veciños participaron este pasado sábado 20 de xaneiro na conmemoración do III Día de Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciña. A xornada, xa asentada en Eirón (Mazaricos) recolle a memoria de Xosé Esperante, Che de Pedro, veciño do municipio morto en enfrontamentos en defensa do monte veciñal durante o franquismo. Unha homenaxe que se extende a todas as persoas que naquel día pero tamén en calquera momento e lugar de Galicia defenderon este modelo de propiedade fronte aos intentos de usurpación.
A xornada deu comezo coa apertura por parte da organización, o Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO), e a benvida do alcalde, Juan Blanco, quen recoñeceu o carácter emotivo desta conmemoración e da súa importancia para a posta en valor dun modo de vida como é o do rural. Tivo tamén palabras de agradecemento pola súa presenza a todas as persoas asistentes e á familia de Xosé Esperante.
Posteriormen, tivo lugar a charla “O futuro dos Montes Veciñais en Man Común na Galiza rural do século XXI” a cargo do profesor do departamento de Economía Aplicada da USC e antigo director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Edelmiro López Iglesias. O poñente fixo fincapé en retos presentes e futuros deste modelo, reclamando que a visión sobre o mesmo vaia alén do punto de vista sectorial forestal, considerando o monte veciñal como un recurso para o desenvolvemento socioeconómico das comunidades rurais, destinado a usos diversos e cun marco legal que impulse a produtividade mantendo a propiedade.
Ao remate da intervención do profesor López Iglesias, foi a quenda de intervención de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), que celebra 25 anos de existencia. Pereira recorreu a historia da organización e salientou como o seu nacemento foi resultado da autoorganización das propias comunidades de propietarios.
A continuación, a xornada trasladouse ao monumento a Che de Pedro nos montes de Eirón, onde se colocou unha ofrenda floral e interviñeron os seus familiares. Neste lugar, un monólito de pedra sinala dende 1998 o lugar dos feitos, e acolleu un ano máis esta homenaxe. A familia de Xosé Esperante agradeceu á organización a recuperación da memoria do acontecido.
A morte violenta de Xosé Esperante
O veciño de Eirón Xosé Esperante, 'Che de Pedro', morreu en 1963 no marco dunha das loitas, frecuentes na Galicia da época, de defensa do monte veciñal. Durante o franquismo establecéronse mudanzas lexislativas que supuxeron a repoboación de milleiros de hectáreas de monte galego sen ter en conta á veciñanza. Procesos nos que os concellos actuaban como intermediarios co Estado central, sen defender os intereses das e dos veciños. O resultado foi que se impediu a xestión local destas propiedades veciñais, alterando gravemente os ecosistemas e a súa relación co mundo agrícola. Na práctica, milleiros de labregos foron privados dos seus montes.
Che de Pedro foi unha das vítimas deste proceso, decote acompañado pola violencia. Durante a repoboación do monte do Outeiro, a veciñanza mobilizouse contra a expropiación dos seus terreos. As forzas de seguridade franquistas abriron fogo, ferindo gravemente a Xosé Esperante e outros dous veciños. Esperante morrería pola falta de atención médica no monte.
O episodio marcou un punto de influencia na loita comuneira, forzando á administración a reconsiderar a súa política. Esta resistencia, sumada á chegada da democracia na década seguinte, callaron na recuperación de moitos montes por parte dos seus verdadeiros donos.
Por tanto, a figura de Che de Pedro e a súa loita, xunto coas dos seus compañeiros, que cumpriron penas de prisión, representan un capítulo fundamental na reivindicación das comunidades veciñais do dereito a xestionar o seu propio territorio.