Mazaricos volveu ser o epicentro da Loita da Veciñanza Comuneira

Volveu ser Mazaricos o epicentro da defensa da importancia das Comunidades de Montes do país, coa celebración da IV Edición do Día de Loita da Veciñanza Comuneira. Da man da o Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO), e cola colaboración da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) e o Concello de Mazaricos, volveuse vivir unha xornada de reivindicación e recoñecemento ás persoas que defenderon a terra pagando ca súa vida. Así é o caso de José Esperante, Ché de Pedro, natural de Eirón, lugar escollido no seu día para simbolizar esas loitas con esta, xa a cuarta celebración.
A xornada de memoria histórica comezaba no Local Social de Eirón, dando conta dos numerosos casos que van aparecendo en Galicia de mobilizacións e enfrontamentos dende os anos 40, deixando patente que estas loitas estaban bastante extendidas, e que foron moitos os veciños e veciñas que sufriron as consecuencias con moita represión, con feridos, detidos/as, e que diante do silencio que impuña o réxime franquista non se puideron espallar nin trascender máis.

Na sesión, informouse tamén dun proceso aberto polo Ingateco para que o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democratica recoñeza o sucedido en Eirón no apartado de Memoria Democratica.
Foi Emilio López Pérez, Sociólogo, activista agrario nos anos 70, e cofundador das Comisións Labregas-Sindicato Labrego Galego, ademais de deputado no Parlamento Galego (1993-2005) e Delegado de Medio Rural en Lugo (2005-2009), quen fixo un repaso polas loitas agrarias o finais do franquismo e as que seguimos a ter na defensa da terra, dos montes veciñais,...
Pero non quedou aí, e falou en clave de futuro, deixando unha intervención final sobre as posibilidades das nosas terras dentro dunha xestión sustentable.
Ao remate, a comitiva desprazouse ata o monumento na Braña da Gatiñeira, onde ao son das gaitas, e da man da familia de Jose Esperante París (O Ché de Pedro), realizouse unha ofrenda floral baixo o son do himno galego.