O sector gandeiro trasladou o seu estado de saúde ao BNG en Mazaricos

Xosé Manuel Puga, Fernando Noia e Ariadna Fernández no Encontro

Gandeiros e demais participantes mantiveron un encontro o pasado xoves en Mazaricos con membros da equipa de Medio Rural do BNG, onde puideron recoller e aportar propostas e medidas que facilitarían a vida no sector agrogandeiro da comarca. 

O BNG escolleu un dos centros neurálxicos da produción de leite do país para esta charla informativa, que comezou falando da ameaza da Dermatose Nodular Contaxiosa, cuxa chegada a Galicia produce grande inquedanza nos titulares das explotacións. Resolvéronse dúbidas sobre a enfermidade, unha enfermidade  que non tiveramos antes dentro das fronteiras do estado, cun caso recentemente diagnosticado en Aragón e que revela que o avance continúa, polo que precisa a prevención sanitaria para evitar a súa propagación e chegada ás ganderías galegas, que sufrirían un impacto económico brutal se resultasen contaxiadas. Coincidiuse na importancia da bioseguridade e na necesidade de vacinación para evitar males maiores,  ao tratarse dunha patoloxía que implica o baleirado sanitario das explotacións, sacrificándose todos os animais das granxas afectadas para deter o seu avance polo territorio.

A deputada Ariadna Fernández repasou tamén a actualidade do sector lácteo, unha actividade predominante, chave no tecido económico e social da zona.  Por unha banda quedou patente a importancia de Galiza no sector lácteo español, e o previsible aumento da produción nos vindeiros anos. Pero por outra, fíxose patente a preocupación sobre o anuncio das  industrias de baixadas no prezo (aprox 6 céntimos/litro) a partir do mes de marzo.

Non menos importante foi a parte da charla onde Xosé Manuel Puga analizou polo miúdo os efectos do tratado de Mercosur no agro galego e os cambios que se producirán coa previsible baixada dos fondos da PAC.  

 Xosé Manuel Puga, responsábel de Medio Rural do BNG, Fernando Rial, responsábel local de Mazaricos, Ariadna Fernández, deputada no Parlamento Galego, Jorge Villar, concelleiro do BNG en Mazaricos, Juan Blanco, alcalde de Mazaricos, Xosé Ramón Blanco (Pichi), portavoz municipal do BNG en Negreira, e Xoán David Sixto, responsábel local do BNG de Santa Comba.

As persoas asistentes expuxeron as problemáticas concretas que afectan á súa actividade diaria. Entre elas, destacaron a difícil situación das estradas e viais, que dificulta o acceso ás explotacións e complica o seu traballo cotián nos labores agrícolas, moi frecuentes despois do inverno. Rematou o encontro cun intercambio de opinións, preocupacións e propostas de medidas para mellorar as condicións da actividade e o futuro do sector da comarca.