O sector gandeiro trasladou o seu estado de saúde ao BNG en Mazaricos
Gandeiros e demais participantes mantiveron un encontro o pasado xoves en Mazaricos con membros da equipa de Medio Rural do BNG, onde puideron recoller e aportar propostas e medidas que facilitarían a vida no sector agrogandeiro da comarca.
O BNG escolleu un dos centros neurálxicos da produción de leite do país para esta charla informativa, que comezou falando da ameaza da Dermatose Nodular Contaxiosa, cuxa chegada a Galicia produce grande inquedanza nos titulares das explotacións. Resolvéronse dúbidas sobre a enfermidade, unha enfermidade que non tiveramos antes dentro das fronteiras do estado, cun caso recentemente diagnosticado en Aragón e que revela que o avance continúa, polo que precisa a prevención sanitaria para evitar a súa propagación e chegada ás ganderías galegas, que sufrirían un impacto económico brutal se resultasen contaxiadas. Coincidiuse na importancia da bioseguridade e na necesidade de vacinación para evitar males maiores, ao tratarse dunha patoloxía que implica o baleirado sanitario das explotacións, sacrificándose todos os animais das granxas afectadas para deter o seu avance polo territorio.
A deputada Ariadna Fernández repasou tamén a actualidade do sector lácteo, unha actividade predominante, chave no tecido económico e social da zona. Por unha banda quedou patente a importancia de Galiza no sector lácteo español, e o previsible aumento da produción nos vindeiros anos. Pero por outra, fíxose patente a preocupación sobre o anuncio das industrias de baixadas no prezo (aprox 6 céntimos/litro) a partir do mes de marzo.
Non menos importante foi a parte da charla onde Xosé Manuel Puga analizou polo miúdo os efectos do tratado de Mercosur no agro galego e os cambios que se producirán coa previsible baixada dos fondos da PAC.
As persoas asistentes expuxeron as problemáticas concretas que afectan á súa actividade diaria. Entre elas, destacaron a difícil situación das estradas e viais, que dificulta o acceso ás explotacións e complica o seu traballo cotián nos labores agrícolas, moi frecuentes despois do inverno. Rematou o encontro cun intercambio de opinións, preocupacións e propostas de medidas para mellorar as condicións da actividade e o futuro do sector da comarca.

