Os tres partidos de Mazaricos únense para reclamar a mellora e o mantemento das infraestruturas básicas de comunicación
Os voceiros dos tres grupos municipais do Concello de Mazaricos, Juan Blanco (Alcalde e Voceiro do BNG), José Manuel Caamaño (Voceiro do PP), e Francisco Javier González (Voceiro de Espazo Común), veñen de asinar un comunicado conxunto para reclamar a "necesidade de mellora e mantemento da rede eléctrica, da conexión a internet e das conexións á televisión" no termo municipal.
Fartos dos fallos de ambas redes, e despois de varias semanas con especiais incidencias nos servizos, os 3 grupos denuncian os "continuos cortes de luz, de internet, e tamén de sinal de televisión, algo que resulta intolerable nun ontexto no que a dependencia dos sistemas de comunicación e telecomunicacións é inevitable".
Destacan que "estes continuos cortes nas redes non só afectan ao desenvolvemento da vida diaria dos veciños e veciñas, senón tamén ao bo funcionamento dos negocios existentes no Concello, das explotacións gandeiras que constitúen o principal motor económico da zona, e tamén das posibilidades de teletraballo. A isto engádese que Mazaricos conta cun elevado porcentaxe de xente maior, moita dela vivindo soa, e para quen a luz, a televisión ou incluso internet constitúen a súa porta de conexión coa realidade e tamén coa familia que vive noutros lugares".
"Se xa a vida no mundo rural non sempre é doada debido ás súas peculiaridades, non podemos seguir tolerando que non se leven a cabo os entementos e actualizacións axeitadas duns servizos polos que tamén os nosos veciños están pagando de múltiples formas", sinalan no comunicado.
Esixencias
Os tres grupos fan as seguintes demandas:
- 1) Instamos ás compañías e operadoras, tanto das eléctricas coma de internet e televisión, a un axeitado mantemento das liñas, así como a que procedan á renovación daquelas instalacións que estean obsoletas.
- 2) Instamos ás compañías á redución nas facturas do porcentaxe correspondente aos períodos nos que o servizo contratado por parte dos usuarios non foi prestado de forma axeitada por tales compañías.
- 3) Instamos á Consellería de Industria da Xunta de Galicia para que, no exercicio das súas competencias, inicie os procedementos oportunos para garantir que as compañías ofrezan os servizos de forma axeitada, incluíndo as sancións correspondentes ás mesmas en caso de incumprimento.
- 4) Instamo ao Goberno de España a que tome as medidas oportunas destinadas a subsanar os perxuízos producidos por unha instalación deficiente da rede de fibra óptica.
- 5) Instamos á Deputación da Coruña a dotar aos concellos de menos de 10.000 habitantes de partidas específicas destinadas á conservación das redes de información e comunicación.
- 6) Finalmente deremos traslado dos acordos deste comunicado ás compañías eléctricas, de internet e de televisión que operan no Concello de Mazaricos, así como á Consellería de Industria da Xunta de Galicia e á FEGAMP, resevando a posibilidade de medidas adicionais en caso de incumprimento das formuladas no presente escrito.