Unanimidade no Parlamento galego para acabar cos cortes de luz en Mazaricos
A Comisión 6ª do Parlamento de Galicia aprobou este venres por unanimidade unha Proposición non de Lei presentada polo deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Xosé Manuel Golpe, para poñer fin aos frecuentes e prolongados cortes de subministración eléctrica que vén sufrindo o concello de Mazaricos.
A iniciativa, que conta agora co respaldo de todos os grupos parlamentarios, supón un requirimento institucional á Xunta de Galicia para que actúe de maneira efectiva e garanta que as veciñas e veciños de Mazaricos reciban o servizo eléctrico que están a pagar, ante a grave situación de desamparo que viven.
Mazaricos é un símbolo da contradición do modelo enerxético actual: cunha capacidade instalada de xeración de preto de 400 megavatios (MW) procedentes de instalacións eólicas e hidroeléctricas no seu territorio, preto do 60% do concello depende dunha soa liña de media tensión (Pontella 3) obsoleta e con mantemento deficiente. Esta infraestrutura, xestionada por Unión Fenosa Distribución (Grupo Naturgy), provoca cortes constantes que afectan a uns 3.500 habitantes.
Impacto devastador no eixo económico: a gandería
O sector gandeiro, eixo central da economía local con máis de 300 explotacións e 14.000 cabezas de gando, é o máis afectado. Só nos
últimos meses, os cortes provocaron a perda estimada de máis de 60.000 litros de leite por avarías nos tanques de frío. Ademais, os microcortes danan os robots de muxido, provocando problemas de saúde no gando (como mastites), incremento no uso de antibióticos e unha minguada na produción e calidade.
O impacto esténdese ao tecido comercial e de hostalaría do núcleo urbano da A Picota, onde as actividades veñen sufrindo perturbacións constantes con prexuízos económicos directos.
A Proposición non de Lei insta á Xunta de Galicia a:
- 1.Exixir ás empresas distribuidoras o cumprimento estrito da normativa de calidade do servizo.
- 2.Impulsar investimentos urxentes para renovar e mellorar as infraestruturas de distribución no concello.
- 3.Garantir o dereito a indemnizacións para veciños, gandeiros e comerciantes polas pérdidas económicas sufridas.
- 4.Establecer un plan de mantemento preventivo eficaz.
- 5.Exercer un control activo e esixente sobre as compañías eléctricas para que invistan no rural.
Declaración do BNG de Mazaricos
Dende a asemblea local do BNG en Mazaricos valoran positivamente este apoio unánime do Parlamento galego, que recoñece a gravidade dun problema que veñen denunciando constantemente xunto cos veciños afectados. "Consideramos que é un primeiro paso fundamental, mais non nos conformaremos coas palabras. Exiximos accións concretas e inmediatas".