Mazaricos e o paradoxo enerxético: producir electricidade e quedar ás escuras
Levamos semanas, en realidade décadas, comprobando a carencia das máis básicas infraestruturas na nosa contorna rural. Varias parroquias estiveron varios días sen luz e sen internet, e boa parte do termo municipal de Mazaricos leva sufrindo durante semanas, centos de microcortes, letais para calquera actividade económica. Unha situación que provocou mesmo que os 3 grupos municipais asinasen un comunicado de denuncia conxunta, e que levasen o asunto ao Parlamento Galego.
Pero é que o caso de Mazaricos reflicte á perfección o paradoxo que vive o noso país en materia de enerxía renovable. Ese país no que son os ecoloxistas os que se enfrontan ás renovables. Ese país onde o territorio está tan invadido que é imposible ir por unha estrada e non albiscar un mar de viraventos maridados cun mar de eólicos. Ese "país dos mil ríos" de Álvaro Cunqueiro, onde os ríos xa non teñen peixes porque están absolutamente saturados de encoros e centrais eléctricas

O Concello mazaricán denuncia ese paradoxo de ser un concello que contribúe de maneira significativa á rede eléctrica galega e estatal como produtor de enerxía hidráulica e eólica e sofra unhas infraestrururas abandonadas e decadentes. Un Concello que xera centos de megawatios cara a rede estatal, pero que esquecen a necesidade de manter un servizo digno para a veciñanza, e para un sector tan importante como o gandeiro.
Accións para esixir solucións
Dende o Concello aseguran que todos os grupos van esixir á Xunta que exerza as súas competencias de inspección e sanción sobre as empresas distribuidoras.
"Non é admisible que un concello produtor de enerxía siga sufrindo o abandono das infraestruturas básicas que afecta a todos os sectores da nosa economía e á calidade de vida dos nosos veciños", reiterou o rexedor.



