Os usuarios da Casa do Maior aprenden ferramentas dixitais útiles
A vida nas Casas do Maior cada vez son máis activas. Ao longo do mes de febreiro desenvolveuse un curso de formación dixital para persoas maiores nas Casas do Maior de Suevos (Mazaricos) e Vilar (Fisterra), grazas á colaboración entre Cruz Vermella e as Casas do Maior Costa da Morte – Rede de Cooperativas Colaxe.
A formación, baixo o título “Primeiros pasos co teu dispositivo”, enmárcase no programa Reto Rural Dixital e tivo como obxectivo achegar ás persoas maiores ao uso básico do teléfono móbil, favorecendo a súa autonomía, a comunicación co entorno e a inclusión dixital no medio rural. As sesións desenvolvéronse durante o mes de febreiro, en horario de mañá, adaptándose ao ritmo e ás necesidades das persoas participantes.
No día de hoxe tivo lugar o acto de entrega de diplomas nas respectivas Casas do Maior, que contaron coa presenza do alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco Riveiro, na Casa do Maior de Suevos, e do alcalde de Fisterra, Luís Manuel Insua Lago, na Casa do Maior de Vilar para facer a entrega dos certificados. Durante o acto, as persoas participantes recibiron o recoñecemento polo seu esforzo e aprendizaxe, poñendo en valor a importancia de iniciativas que promoven o envellecemento activo, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades no acceso ás novas tecnoloxías.
Esta iniciativa serviu tamén para abrir as Casas do Maior á comunidade e dar a coñecer este recurso de proximidade. As Casas do Maior son un servizo público gratuíto de atención diúrna dirixido a persoas maiores de 60 anos sen situación de dependencia ou con dependencia de grao I, especialmente pensado para concellos do rural que non dispoñen doutros recursos asistenciais. Trátase de espazos de pequeno formato, cun máximo de cinco persoas usuarias, que permiten ofrecer unha atención personalizada, próxima e de carácter comunitario, favorecendo que as persoas maiores poidan permanecer no seu entorno habitual o maior tempo posible.
Desde a Rede de Cooperativas Colaxe destacan a relevancia de colaborar con entidades como Cruz Vermella para impulsar accións que melloren a calidade de vida das persoas maiores no medio rural e reforcen o papel das Casas do Maior como espazos vivos, abertos e integrados na comunidade. Na actualidade existen prazas vacantes nas Casas do Maior de Suevos e Vilar, polo que as persoas interesadas poden informarse e realizar a solicitude a través dos servizos sociais do seu concello, Mazaricos e Fisterra.