Adisbismur estrea invernadoiros, unha nova oportunidade de inclusión sociolaboral para as persoas usuarias do centro de Valadares

Espectaculares os novos invernadoiros que estrea a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) no centro de recursos que a entidade ten en Valadares, no concello de Outes.

Esta nova estrutura será destinada para o cultivo ecolóxico de hortalizas variadas que serán comercializadas no mercado de proximidade. Todo no marco dun proxecto formativo en agricultura ecolóxica, financiado por Fundación ONCE e a Consellería de Política Social, no que participaron 15 persoas con discapacidade. Ao remate desta formación, dúas persoas lograron xa o seu primeiro emprego.

A idea é formar en agricultura sostible pero tamén ofrecer formación laboral básica orientada á inserción laboral das persoas do centro de Valadares. Dende a entidade apuntan que "non é doada a inserción laboral de persoas con discapacidade física e/ou intelectual que viven en zona rural, onde as oportunidades son máis limitadas".  Por iso,
este novo invernadoiro únese aos outros catro que a entidade empezou a construír hai máis de dez anos, cando bota a andar a actividade de viveirismo.

Toca agora a primeira plantación, que será con plantas leguminosas como chícharos e tirabeques ademais de tomate, para ir analizando o comportamento e fertilidade da terra, que non foi tratada anteriormente.