#8M: As usuarias de Adisbismur entrevistan a mulleres profesionais da contorna

Unha das mulleres participantes programa ADISBISMUR é agasallada con produtos do centro de Valadares

Non quixo a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR) deixar de celebrar o #8M. A entidade membro de COGAMI ten organizadas para este mes diferentes actividades que van dende entrevistas a mulleres ata o convite á veciñanza para que dea dar pasos pola igualdade.

Unha das actividades chámase “A través dos teus ollos”. As persoas usuarias do centro ocupacional que ten Adisbismur en Valadares farán entrevistas a mulleres dos concellos de Carnota, Muros, Outes e Mazaricos que se dedican ou que se dedicaron a profesións tan diversas como a gandería, industria conserveira, amas de casa, marisqueo… A finalidade é poñer en valor ás mulleres da comarca, dándolle o recoñecemento necesario pola súa contribución aos dereitos das mulleres na sociedade actual.

Muller participante nos vídeos de ADISBISMUR

Outra das actividades consistirá na elaboración dun obradoiro sobre a conmemoración da data do 8M e a través do que se pretenderá poñer en valor ás mulleres que deixan a súa pegada na historia tanto a nivel mundial como na particular galega.

Outra das actividades programadas é a organización dunha andaina virtual. Baixo o lema de Pasos pola Igualdade, Adisbismur pretende que todas as persoas que saian de andaina, saquen unha foto e a suban ás súas redes sociais coa etiqueta #pasospolaigualdade.

 

Artigos sobre o 8M