María Lago denuncia o esquecemento da Xunta nos Orzamentos 2026: "Nin un só euro para Muros"
O grupo de goberno de Muros (BNG) vén de facer unha valoración da proposta de Orzamentos 2026 da Xunta de Galicia. Califícaos de “moi decepcionantes e unha falta de respecto para a nosa veciñanza”, ao non atopar “nin un só euro en investimentos directos ou proxectos para Muros. "É triste vero listado de obras que a Xunta executará na comarca e na provincia e non atopar nada para o noso concello”, afirma a alcaldesa, María Lago.
“Os centros educativos de Muros demandan reformas estruturais; eu como alcaldesa reclamo desde hai dous anos unha implicación da Xunta na necesaria renovación da rede de saneamento de Muros; está pendende a nova sede dos xulgados; o mantemento das pasarelas, como a de Louro, e outros proxectos para o noso concello que a Xunta segue sen desbloquear”, lembra a alcaldesa.
“Esta forma de facer política, completamente partidista, non é un castigo para o goberno local de Muros, é un castigo para os nosos veciños e veciñas, que non son tratados de forma xusta en comparación con outros concellos”, sostén
“E mentres esta situación se repite un ano máis, desde o concello asumimos cada vez máis competencias impropias e gastos que lle corresponden á Xunta, por exemplo no Servizo de Axuda no Forgar”, asegura a alcaldesa.
“Seguirei loitando e reclamando un trato digno para Muros, un concello borrado do mapa pola Xunta de Alfonso Rueda”, remata María Lago.