A Deputación repasa as obras da rúa Real, do parque de Artón e das pistas de Louro

Visita institucional este xoves a Muros, A alcaldesa, María Lago Lestón, e a tenente de alcaldesa, Caridad González Cerviño, recibían ao presidente da Deputación para abordar os principais investimentos que a institución provincial está a impulsar no municipio e coñecer sobre o terreo algunhas das actuacións máis recentes.

María Lago, fixo fincapé no infrafinanciamento municipal, que, ademais, vai aparellado de cada vez máis competencias. Por iso pon en valor que "o concello dos concellos" apoie economicamente os concellos para cubrir necesidades municipais para as que non teñen recursos.

 

Intervencións en Esteiro e Louro

Durante a visita, o presidente provincial e a alcaldesa asinaron na Casa do Concello o convenio de colaboración para financiar as obras de construción dun novo parque infantil en Esteiro e o acondicionamento da zona deportiva e de xogos de Louro. O proxecto conta cun orzamento de 246.328,11 euros, dos que a Deputación achega 197.062,48 euros, o 80% do investimento total.

En Esteiro, o proxecto contempla a creación dun novo parque infantil na contorna do Parque do Artón, cunha configuración diferenciada para distintas idades. Haberá dúas áreas de xogos, unha destinada aos nenos e nenas máis pequenos e outra para cativos de maior idade, con elementos como tobogáns, randeeiras, tirolina, xogos inclusivos e adaptados, un multixogo e unha rede tridimensional. A actuación completarase coa instalación de varanda de protección e novo pavimento continuo de caucho de seguridade.

En Louro, a intervención permitirá recuperar e poñer en valor un espazo público actualmente infrautilizado en Agra de Filgueira. Renovarase a pista deportiva, cun novo pavimento e marcaxe para fútbol sala e balonmán, instalaranse porterías e acondicionarase a contorna. Tamén se renovará a zona de lecer infantil con novos xogos, mobiliario, fonte e melloras no pavimento, ademais de construír unha rampla de acceso desde o aparcadoiro e acondicionar e axardinar os espazos próximos.

Humanización da rúa Real

A comitiva supervisou o resultado das obras da segunda fase da humanización da rúa Real, no casco histórico de Muros, financiadas pola Deputación a través do Plan Único (POS+) con preto de 230.000 euros. A actuación permitiu renovar un espazo no que tanto os pavimentos como as redes de servizos estaban obsoletos, acometendo unha reforma integral orientada a modernizar as infraestruturas e, ao mesmo tempo, respectar e poñer en valor o carácter histórico da contorna.

O proxecto incluíu a renovación das redes de abastecemento e saneamento, cunha nova rede separativa, a mellora das canalizacións de alumeado público e a instalación de canalizacións que permitirán no futuro soterrar o cableado eléctrico e de telecomunicacións. A nova pavimentación mantén a estética característica do conxunto histórico de Muros, con firmes de granito que respectan os criterios establecidos para a protección deste ámbito patrimonial.

Terceira fase de humanización

No acto anunciouse tamén que este mesmo ano, o Concello de Muros iniciará as obras da terceira fase de actuacións na rúa Real, financiada tamén a través do Plan Único da Deputación. Esta obra suporá un investimento de 280.000 euros, que, sumados aos 230.000 destinados a esta segunda intervención, suman un total de máis de medio millón de euros (510.000) de fondos provinciais ao remodelado integral desta rúa.

Máis de 18,2 millóns investidos en Muros

O presidente destacou tamén a estreita cooperación da Deputación co Concello de Muros. Nos once anos de goberno de Valentín González Formoso, a institución provincial acumula investimentos por máis de 18,2 millóns de euros no municipio.

Deste importe, 9,2 millóns de euros corresponden ao Plan Único (POS+), a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos, que permitiu financiar en Muros 54 obras destinadas á mellora de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos.