O doutor muradán Juan Gestal, recoñecido coa Medalla de Balnearios de Galicia
Durante a pandemia estivo atento á prensa estatal pero tamén á local, como dimos conta en QPC con ata 3 entrevistas profundas analizando o avance do COVID19. Por iso nos congratula o premio que vai recibir o epidemiólogo muradán Juan Gestal Otero o vindeiro 22 de novembro. A Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e Compostela acolle o acto polo 40 aniversario da Asociación de Balnearios de Galicia. E a entidade quere recoñecer o seu labor coa Medalla Balnearios de Galicia ao doutor muradán, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, polo seu compromiso e impulso á hidroloxía médica na comunidade.
O xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, salienta que “a Asociación naceu hai corenta anos movida polo convencemento absoluto do noso potencial, da calidade das nosas augas como factor terapéutico”. Nesta liña, sinala que “en Europa xa entón a cura balnearia sufragábaa en parte a Seguridade Social, pero en Galicia aínda seguimos a traballar para demostrar que mellora a calidade de vida dos termalistas, co consecuente aforro do gasto farmacolóxico. Esta inquedanza levounos en 2010 á creación da Cátedra de Hidroloxía Médica coa facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Agora queremos recoñecer o labor realizado polo doutor Gestal neste tempo, a súa implicación por formar aos futuros médicos neste campo e difundir entre o ámbito sanitario pero tamén entre o conxunto da poboación as propiedades terapéuticas das nosas augas”.
Impulsor da Cátedra xunto ao finado doutor Luis Rodríguez Míguez, o doutor Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago, amosa o seu agradecemento a esta homenaxe da Asociación de Balnearios de Galicia. Explica que a docencia de Hidroloxía Médica comezou a impartirse na facultade de Medicina da Universidade de Santiago en 2006, froito dun acordo coa Asociación. Catro anos despois nacía, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a Cátedra de Hidroloxía Médica, a segunda que existía en España, e que neste tempo xa levado formado a máis de 2000 alumnos.
A frutífera traxectoria do doutor Gestal
Juan Jesús Gestal Otero (Muros, 1947) é membro do Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia, académico numerario das Academias de Medicina e de Farmacia de Galicia e académico correspondente das Academias de Medicina de Buenos Aires e Paraguai. Foi xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Clínico Universitario de Santiago, director xeral de Saúde Pública e decano da facultade de Medicina da USC.
Ten dirixido e participado en 35 proxectos de investigación competitivos. Dirixiu 53 teses de doutoramento e publicou máis de 100 artigos científicos en revistas internacionais. É autor de 30 libros, entre eles Pandemias. Las epidemias que asolaron la humanidad e Riesgos del trabajo del personal sanitario. Organizou os primeiros másteres de Saúde Pública, de Administración e Xestión Sanitaria, de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias, e de Técnicos Superiores de Prevención de Riscos Laborais de Galicia, así como os Cursos Universitarios de Especialización en Vacinas.
Entre outras distincións, é Doutor Honoris Causa pola Universidad Nacional de Ica (Perú), Insignia de Ouro da USC, Fillo Predilecto e Medalla de Ouro da Vila de Muros, Medalla de Ouro da Academia Médico-Quirúrgica de Santiago, Medalla Solidariedade COVID-19 da Asociación Histórica da Garda Civil, membro de honra e Medalla de Ouro do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña, Galego do Ano 2021 do Grupo Correo Gallego, Medalla de Ouro da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais. Tamén é membro de honra da Asociación Médica Argentina, da Sociedad Cubana de Microbiología y Parasitología e da Sociedade Portuguesa de Medicina do Traballo.
Conversas QPC co epidemiólgo Juan Gestal na pandemia