Sábado. 24.09.2022
El tiempo

«Juan J. Gestal Otero. Un muradán excepcional»

«Juan J. Gestal Otero. Un muradán excepcional»

«As distincións non deben pedirse, pero deben aceptarse e agradecerse». Con estas palabras comezou o seu emotivo discurso de agradecemento, o prestixioso catedrático e doutor muradán Juan J. Gestal Otero, tras recibir os máximos galardóns que pode outorgar o Concello de Muros.

Alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso e Juan J. Gestal portando a Medalla da Vila e o Título de Fillo Predilecto de Muros (Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva) Alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso e Juan J. Gestal portando a Medalla da Vila e o Título de Fillo Predilecto de Muros -Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva

Nun fermoso e solemne acto, perfectamente organizado por Manuel Lago (Manolo de América, como é coñecido en Muros), o auditorio da Casa da Cultura quedábase pequeno para acoller aos numerosos veciños e amigos que acompañaron, este domingo (1 de abril de 2018), a Juan J. Gestal Otero na recepción do título de Fillo Predilecto e Medalla da Vila.

A alcaldesa da localidade, María Xosé Alfonso, dirixiu con brillantez a cerimonia desde a mesa presidencial, onde tamén estaban, ademais do eloxiado, o Presidente do Parlamento de Galicia (Miguel Santalices), o Reitor da USC (Juan Viaño), o Decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía (Julian Álvarez), o Secretario municipal (Francisco Abeijón) e a persoa encargada da disertación laudatoira (Domingo Guerra).

Foto da Mesa Presidencial (Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva) Foto da Mesa Presidencial -Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva

Nun lugar principal do escenario situáronse, tamén, os demais membros da Corporación Municipal encabezados polos portavoces: Inés Monteagudo (PPdeG), Caridad González (PSdG-PSOE) e Manuel García (BNG).

Membros da Corporación Municipal do Concello de Muros (Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva) Membros da Corporación Municipal do Concello de Muros (Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva)

Nas primeiras filas da sala, atopábanse xunto a dona do homenaxeado, Matilde Romaní e aos familiares directos, os Presidentes das Academias de Medicina e de Farmacia de Galicia, o Secretario da Real Academia de Galicia (o tamén muradán Henrique Monteagudo) e outras ilustres personalidades.

Domingo Guerra, foi o encargado de glosar a traxectoria vital de Juan J. Gestal Otero, a quen definiu como «un muradán excepcional, traballador infatigable polo seu pobo». O noso especialista en economía municipal, quixo agradecer publicamente aos membros da corporación que o designasen, por unanimidade, para efectuar a «laudatio», e tivo palabras de agradecemento para o galardoado, pola deferencia, ao pedirlle tamén, que desempeñase esa labor no evento.

Imaxe da «Laudatio» de Domingo Guerra (Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva) Imaxe da «Laudatio» de Domingo Guerra (Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva)

Domingo Guerra, detallou o amplo currículo de Juan J. Gestal Otero e outras facetas da excepcional carreira que o fixeron merecedor de múltiples distincións, como a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, o máximo galardón que pode conceder esta Universidade.

A continuación, o Secretario Municipal, Francisco Abeijón, fixo lectura do acordo plenario do 25 de xaneiro deste ano, no que se lle outorgaban por unanimidade os títulos. Posteriormente, o Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, deu lectura a unha carta da Presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, na que se desculpaba por non poder acompañar ao que fora o seu profesor e onde destacaba a súa labor tanto no eido académico como hospitalario. Pola súa parte, o Presidente da Cámara galega, destacou a intensa traxectoria do catedrático emérito e agradeceu as ensinanzas e os sabios consellos, así como que, no seu momento, apostase pola transferencia das competencias sanitarias á Comunidade Autónoma de Galicia, cando se plantexou esa posibilidade.

Unha vez que a alcaldesa de Muros lle impuxo a Medalla da Vila e lle fixo entrega do Certificado acreditativo do nomeamento como Fillo Predilecto, o que fora Decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, tomou a palabra para, visiblemente emocionado, sinalar que «nunca pensei recibir estas distincións do meu pobo, ao que me sinto moi orgulloso de pertencer, e do que presumo sempre que teño ocasión, considerándome unha persoa moi afortunada por ter nacido nunha vila tan fermosa».

Foto da intervención de Juan J. Gestal Otero (Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva) Foto da intervención de Juan J. Gestal Otero (Imaxe cedida por Manuel María Pena Silva)

O novo Fillo Predilecto, durante o seu discurso, fixo un ameno percorrido histórico sobre a localidade, destacando o período de máximo esplendor, no que se detivo para recordar aos tres Diego de Muros, humanistas, bispos e mecenas que tiveron gran influencia nas Cortes dos Reis Católicos.

Referiuse tamén á coñecida expresión «todos somos galegos, menos o capitán que é de Muros» para sinalar nunha lección maxistral que a formulación correcta da frase é «todos somos galegos, mais o capitán é de Muros».

Comentou tamén o acerto do slogan «Muros, Vila de auga e sal», ao reflectir a esencia da economía muradá: o mar. Lembrou ás súas primeiras mestras, as aromas, comidas, festas, tradicións e expresou o seu agradecendo ao Orfeón Ría de Muros e á agrupación folclórica Faldriqueira de Muros, pola altruísta participación coa que contribuíron. Por último, reiterou a gratitude aos membros da corporación pola concesión unánime dos galardóns, e aos veciños e amigos polas mostras de afecto recibidas desde que se coñeceu o nomeamento.

Pechou o acto a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, agradecendo a Gestal o moito que traballou en favor de Muros e recordou aos outros distinguidos coa Medalla da Vila: Domingo Barreiros (2002), Xosé Agrelo (2003) e Marcelino García (2011).

Fonte

  • Redacción QPC.
  • Fotografía: Manuel María Pena Silva.

comentarios