venres. 06.12.2024
El tiempo

Juan. J. Gestal, epidemiólogo muradán: “Temos que prepararnos para un maior tempo de confinamento”

  • “En Galicia, as medidas de confinamento e de peche de establecementos adoptáronse máis cedo que noutras zonas de España, o que xunto coa diseminación da poboación fai pensar que a afectación sexa menor”.
Juan J Gestal epidemiologo de Muros copia
Falamos con Juan J. Gestal, epidemiólogo de Muros
Juan. J. Gestal, epidemiólogo muradán: “Temos que prepararnos para un maior tempo de confinamento”

En plena crise sanitaria provocada por este coronavirus, que xa se cobrou 3 vidas na comarca (un fisterrán, un vimiancés e un carballés), queremos falar cun epidemiólogo costeiro de referencia a nivel internacional. O muradán Juan. J. Gestal foi Xefe de Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e ocupou, tamén, o cargo de Director Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia.
Entre os seus recoñementos conta coa Insignia Fonseca da USC, ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, o máximo galardón que pode conceder esta Universidade (o catedrático Emérito foi tamén foi Decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía), ademais do emotivo recoñemento local como Fillo Predilecto de Muros o pasado 2018.

 
  • QPC: Moi boas. Supoñemos que ti non es dos que pode escoller quedar na casa. Como te está collendo esta crise sanitaria? Onde estás traballando e en que, especificamente?

Estou na casa, ao principio aínda saía para ir a algún programa de televisión, pero desde fai algún días, se teño que comunicarme con algún medio fago por Skype. Desde que comezou esta pandemia estou seguindo o que se publica sobre o covid-19 e iso ocúpame moito tempo.

 
  • QPC: Efectivamente falamos dunha situación sen precedentes?

Si, sen dúbida, eu non contaba con vivir unha situación así. Fai dous anos conmemoramos os 100 anos da Pandemia de 1918 e estiven revisando o ocorrido e impartindo varias conferencias, e non pensei que vería imaxes como as de aqueles hangares dos acuartelamentos americanos cheos de camas con enfermos, que agora vimos en China e estamos vendo en España.

 
  • QPC: Que opinas dos que seguen comparando esta pandemia como as crises de gripe? Que diferencias hai entre a gripe e este covid19?

O covid-19 e a gripe son dous procesos diferentes, teñen similar mecanismo de transmisión, ambas son infeccións respiratorias máis propias do outono-inverno, pero o SARS-CoV-2 causa unhas pneumonías cuxa letalidade é de tres a dez veces superior a da gripe estacional (0,1 a da gripe fronte a 0,3 a 1 a estimada para o covid-19), tamén é máis contaxiosa, o número básico de reprodución do SARS-CoV-2 e 2,2 (1,4 a 3,9) fronte a 1,1-1,5 da gripe. Este virus provoca no 14% dos casos unhas pneumonías que esixen hospitalización e no 6% unas pneumonías complicadas que precisan tratamento en UCI, ocasionando a morte no 40% deses pacientes.

 
  • QPC: Como cres que está xestionando o goberno estatal esta crise?

Coido que non ben. Tomaron tarde as medidas de confinamento e as económicas; e non prepararon ao SNS para o problema que nos viña enriba, non se conta cos EPIs necesarios para protexer ao persoal sanitario e a outros colectivos que os precisan, e o número de sanitarios infectados é realmente escandaloso, uns 10.000 neste momento; tampouco se fixo previsións de dotacións de equipos de respiración asistida para os hospitais, necesarios para atender a os pacientes coas pneumonías máis graves; nin adoptaron medidas de protección dos anciáns das residencias, que supoñen cerca dunha terceira parte dos falecidos.

 
  • QPC: Cres que as medidas actuais son suficientes ou vai haber que ampliar o estado de alarma e o tempo de confinamento?

Temos que prepararnos para un maior tempo de confinamento. Se nos fixamos en China podemos ter unha idea de o que nos vai a pasar a nosoutros. En Wuhan aínda non levantaron o confinamento e levan nel desde mediados de xaneiro. Temos que revestirnos de moita paciencia.

 
  • QPC: A nivel comarcal, como ves a probabilidade de contaxio na zona? Cres que a dispersión da zona, o pouco uso do transporte público, pode servir para que a capacidade de expansión sexa menor que noutras zonas?

Se respectamos o confinamento seguramente que a afectación da zona será leve pola dispersión da poboación que dificulta os contaxios. Con respecto a Galicia, as medidas de confinamento e de peche de establecementos adoptáronse máis cedo que noutras zonas de España, o que xunto coa diseminación da poboación fai pensar que a afectación sexa menor.

 

Estase dicindo que cando isto pase xa non seremos os mesmos. Non sei en que medida, pero seguramente moitos valores terán cambiado para nós e seguro que será para ben.

 
  • QPC: Comentas que temos que comezar a aprender a saudarnos doutros xeitos, como facendo un pequeno xesto ca cabeza, guiñando un ollo… Cando cres que poderemos volver a abrazarnos, besarnos…?

Lamentablemente, aínda van a pasar varias semanas antes de que podamos facer unha vida normal.

 
  • QPC: Pero cando chegaremos ao pico?

Posiblemente esteamos chegando nesta semana, e despois comezará o descenso, e cando cheguemos abaixo teremos que agardar a que non haxa novas infeccións e, cando iso se acade, planearase a volta á normalidade seguramente tras un pequeno prazo de tempo. Isto é o que ocorreu en Wuhan.

 
  • QPC: Cres que poderemos ir a un festival este verán ou ir a ver un partido de fútbol a Riazor a comezos de setembro? Cando rematará todo isto?

Posiblemente a finais de maio, principios de xuño.

 
  • QPC: Ou é que o coronavirus chegou para quedarse?

Esta é unha pregunta para a que non temos resposta de momento.

 
  • QPC: Para que vai servir toda esta situación?

Todo este enorme sacrificio que estamos facendo ten como finalidade conseguir que non se colapse o sistema sanitario e que podan seguir atendendo adecuadamente tanto aos enfermos por coronavirus como aos doutras patoloxías.

 
  • QPC: Sabendo que as mascarillas de tela non son válidas para traballos de risco ou de gran exposición, poden ser efectivas para ir facermos a compra ou saídas esporádicas?

En principio mantendo as distancias de seguridade (1,5-2,0 metros) e extremando as medidas de hixiene de mans podemos protexernos nas saídas que fagamos. As máscaras de tela, dependendo do tupida que esta sexa, poden reter as gotas, pero debemos seguir mantendo a distancia de seguridade e facendo a hixiene das mans.

 
  • QPC: Como ves á túa querida vila de Muros nestes días de confinamento?

Boto de menos poder ir a ela a pasar o fin de semana, sobre todo neste tempo tan bo. Creo que non está moi afectada pola pandemia. Que siga así. Estamos vivindo unha situación realmente estraña, cando pase, volverá todo a ser o mesmo? Seguramente non. En canto se nos permita saír volveremos a Muros.

 

Novas relacionadas

Novas do coronavirus

Comentarios