O IES Fontexería suma á súa oferta o Ciclo de FP de Grao Superior de Mantemento Electrónico

Imaxe dunha Semana da Ciencia do IES muradán

Boas novas para os centros educativos da comarca en materia formativa na Formación Profesional. Se por Ponteceso suman o Ciclo de Carrocería, o IES Plurilingüe Fontexería acaba de recibir autorización para ofertar o Ciclo Formativo de Grao Superior de Mantemento Electrónico para o vindeiro curso 2024-2025.

O novo ciclo superior ten unha duración de 2000 horas en réxime ordinario e daralle continuidade aos xa existentes, un Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas e un Ciclo Básico de Informática de Oficina.

Para acceder ao Ciclo Superior de Mantemento Electrónico é necesario estar en posesión do Título de Bacharelato, Título de Técnico nun Ciclo Medio ou ter superadas as Probas de Acceso a Ciclo Superior.

Os módulos dos que está composto o Ciclo Superior de Mantemento Electrónico están repartidos en dous cursos nos que o alumnado aprende a manter e reparar equipamentos e sistemas electrónicos, profesionais, industriais e de consumo, así como planificar e organizar os procesos de mantemento, con criterios de calidade, aplicando a normativa e os plans de prevención de riscos laborais e ambientais.

Unha vez obtida a titulación de Técnico Superior en Mantemento Electrónico, o alumnado ten a opción de traballar en empresas do sector servizos, tanto privadas como públicas, dedicadas ao mantemento e a reparación de equipamentos e sistemas de telecomunicacións, sistemas microprocesados, redes de banda larga, telemática e radio comunicacións, así como equipamentos industriais e profesionais de audio e vídeo, por conta propia ou allea.
Máis información nas web do centro, no 881 867 110 ou en ies.fontexeria@edu.xunta.gal