Muros acolle este xoves un foro para facer cultura «coa mocidade»

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, xunto coa alcaldesa de Muros, María Lago, e o coordinador das xornadas formativas da Rede Cultural, Roberto Pascual.

 

O Museo do Mar de Muros acolleu onte a presentación do 2º Foro de Traballo da Rede Cultural. O evento, centrado na relación entre cultura e mocidade, terá lugar este xoves, 26 de marzo, ás 16:00 horas, no auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.
O foro desenvolverase cunha dinámica participativa conducida por Carlota Mosquera, que converterá a xornada nun ‘Parlamento da Mocidade’ no que mozos e mozas  poderán expresar ideas, inquedanzas e propostas en diálogo directo con profesionais e institucións.

Durante a súa intervención, Natividade González destacou que as xornadas da Rede Cultural «son moito máis que un encontro puntual», xa que funcionan como espazos de traballo «moi pegados á realidade, cun carácter práctico, pero tamén reflexivo», nos que se combina a formación co intercambio de ideas. A deputada subliñou que estas iniciativas nacen co obxectivo de «mellorar a calidade do servizo cultural público que ofrecemos á cidadanía» e parten da idea de que «a cultura é un traballo compartido».
Sinalou que o encontro nace da necesidade de escoitar máis, acompañar mellor e abrir espazos reais de participación, de xeito que a mocidade non sexa só público, senón tamén protagonista.

Pola súa banda, a alcaldesa de Muros, María Lago, agradeceulle á Deputación da Coruña que contase co municipio para acoller esta xornada e salientou a importancia de implicar á xente nova na vida cultural.
A rexedora indicou que «a mocidade é un sector da poboación que moitas veces se nos escapa, por causa de que non se está a contar con ela», e destacou o traballo realizado desde o Concello e os centros de ensino para dar a coñecer a iniciativa e fomentar a participación. «Agardamos que desta experiencia saia unha programación cultural máis atractiva para a xente moza e, sobre todo, que teña en conta a súa opinión, que sexan eles e elas quen nos axuden a nós a decidir que actividades se poden programar ao longo do ano», afirmou.

O coordinador das xornadas formativas da Rede Cultural, Roberto Pascual, explicou que este foro está concibido como unha xornada práctica orientada a atender as necesidades dos profesionais do sector, así como cuestións estratéxicas para mellorar o funcionamento da Rede Cultural da Deputación, que dá servizo a 93 concellos e mobiliza máis de dous millóns de euros.
Pascual subliñou que o obxectivo vai máis alá de ofrecer programación, xa que unha Rede Cultural viva debe atender tamén as dinámicas de mediación e os públicos que aínda non se senten interpelados polos espazos culturais.