‘Manual para políticas culturais locais’, unha ferramenta da Deputación para reforzar as accións municipais
- A Deputación tamén abre o prazo para que Concellos e Asociacións soliciten espectáculos da Rede Cultural 2026, ata o 20 de marzo
A Deputación da Coruña vén de lanzar o "Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura". Trátase dunha publicación da Área de Cultura que dá continuidade á estratexia provincial que sitúa a cultura como dereito e como eixo estruturante das políticas públicas.
O manual constitúe o segundo volume ao abeiro da liña de traballo ‘A cultura é un dereito’ e está concibido como unha guía práctica dirixida a persoal técnico, responsábeis públicos e axentes culturais. A obra propón unha metodoloxía estruturada en seis fases e vinte e cinco accións co obxectivo de trasladar aos concellos ferramentas concretas para planificar, avaliar e impulsar proxectos culturais centrados no ben común e na garantía efectiva dos dereitos culturais.
A publicación «nace do rigor da investigación e do compromiso coa transformación social a través da cultura», explicou Natividade González, quen cualificou o volume como «máis ca un manual técnico, resultado dunha investigación profunda, dun coñecemento do territorio e dunha vontade clara de ofrecer ferramentas útiles para quen ten a responsabilidade de facer política cultural desde o local».
A proposición de Xavier Campos que abre a obra, ‘Se eu fose concelleiro de Cultura’, interpela directamente, para González, «a quen asumimos responsabilidades públicas e que nos lembra que a cultura non é un complemento, senón unha peza central do desenvolvemento democrático».
Cultura híbrida
Para Xavier Campos, a cultura «ten que hibridarse, ten que relacionarse con todos aqueles movementos e causas que procuran mellorar a sociedade, porque cremos nunha cultura que traballa, que se relaciona coa igualdade, co medio ambiente, co patrimonio, coa cohesión social e con todas as causas xustas, que son máis necesarias ca nunca».
REDE CULTURAL
Ademais, a Deputación da Coruña abriu este venres, 6 de marzo, o prazo para que concellos e entidades soliciten espectáculos dentro da Rede Cultural 2026, prazo que ficará aberto até o vindeiro día 20 ás 14:00 horas. O programa conta este ano cun orzamento de algo máis de dous millóns de euros. Segundo establecen as bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia, a institución provincial financiará entre un 30 e un 75 % do custo dos espectáculos, en función do número de habitantes de cada concello.
O catálogo da Rede Cultural estrutúrase en catro programas: Escena ao Vivo! (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), Visións (cinema e contidos audiovisuais), Lingua a Escena! (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos orientados á dinamización social da lingua galega) e Alicerce (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais).
Nesta edición figuran inscritas un total de 2.158 propostas de espectáculos, número moi similar á do ano anterior e tamén cunha distribución parella nas diferentes disciplinas artísticas ou categorías. Dentro de Escena ao Vivo! inclúense 672 espectáculos de teatro, 732 de música, 79 de danza e 91 de maxia. A convocatoria Visións reúne 89 propostas audiovisuais, mentres que Lingua a Escena! conta con 68 espectáculos e o programa Alicerce suma 427 espectáculos.
