Muros inúndase de cultura mariñeira co “Muros Mira ao Mar”
Xa chegan esta fin de semana do 10 ao 12 de xullo, as XXI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”. Xa arraigadas como unha das citas imprescindibles do verán muradán, o centro histórico e o porto da vila trasladaranse séculos atrás para vivir tres xornadas de música, patrimonio, tradición, gastronomía, teatro, artes de rúa e actividades para todos os públicos.
O tradicional Mercado Mariñeiro, saídas navegación en embarcacións tradicionais, visitas guiadas ao conxunto histórico, ao Porto e Lonxa e ao Museo do Mar, demostracións de oficios artesanais, obradoiros, exposicións, actividades infantís, faladoiros e showcookings que poñerán en valor o patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar, son alguhas das actividades propostas.
A programación musical volverá ter un papel destacado no Curro da Praza coa actuación de Sés o venres 10 de xullo e de Tona o sábado 11, ambos concertos incluídos na Rede Cultural da Deputación da Coruña. O domingo 12 celebrarase o tradicional Festival Folclórico coa participación da AF Ximiela (Muros), a AC Rosalía de Castro (Teo) e a agrupación portuguesa Amendoeiras em Flor, fortalecendo os vínculos culturais entre Galicia e Portugal.
As artes escénicas tamén estarán presentes cunha programación de rúa integrada por propostas para todos os públicos, entre elas o espectáculo de maxia Flash, o teatro Hamelín, o espectáculo de circo Desastronauts, a representación Un mar de fala de Aquelando Teatro e a narración oral Costureiriña bonita, que levarán a animación a diferentes rúas e prazas da vila.
Máis novas do Muros Mira ao Mar