A xente, a alma do Muros Mira ao Mar
O arraigo dunha festa mídese pola implicación do pobo. E o de Muros Mira ao Mar é un exemplo claro. A vila vestíase de mercado mariñeiro de comezos de século pasado para celebrar a 18ª edición desta festa de posta en valor da cultura mariñeira. E o ben que marida a ambientación histórica co fermoso e coidado casco vello muradán, deixan unha estampa de película.
Pero a mellor parte é a humana, e aí o concepto participación faise aínda máis patente. A xente de Muros non falla. Como xa ten conseguido o Mercado Medieval de Corcubión, e como aínda non consegue o Víndemo Ver de Carnota, o pobo muradán disfrázase (eles cunha simple camise tipo liño, un pano azul de cadros ao pescozo e unhas alpargatas; e elas cun traxe máis elaborado) para darlle un ambiente moi especial.
”A mellor festa do verán”, apúntannos varios amigos de Muros, pero tamén de Cee, Carnota ou mesmo a Coruña. Porque é unha festa máis familiar, de pasar o día na rúa, consumindo nas cantinas do CD Muros (a máis xuvenil), das Miúdas, o Volantes, de A.C. Ximiela, e mercando nos postos de artesanía Porque Muros aínda non sucumbiu aos postos de artesanía da loureá María de Dinas, os Sancosmeiros ou de Adisbismur.
A música soa polos recantos, pequenos e maiores aprenden a facer cestería e barro coa entidade social; o Mercado de Abastos convertido nun restaurante; os espectáculos comezan a agromar pola Pescadería ou na praza do Concello. A vila é un auténtico fervedoiro, pero non tanto como outros anos. Na xornada de vernes, os fortes chuvascos deixaron as rúas solitarias ata as 2:00h, pero a xente esperaba agazapada na casa e aínda houbo ambiente. A sesión vermú do sábado foi ideal, aumentando o ambiente a medida que pasaban as horas.