Muros terá o seu Castelo Rock!

Están de noraboa todos os casteliños e casteliñas. I é que a Asociación Praia do Castelo segue adianta coa organización do Festival de verán, de xeito que o Castelo Rock 2012 é unha realidade. Unha realidade potente ademais, e xa pensan en ofrecer dúas noites de boa música para a primeira fin de semana de agosto.

E o comunican tras varios meses de planificación, de programación, de actividades, da apertura do local, dos cambios na xunta directiva, das reunións con entidades… Moito choio e moitas actividades (damos conta dende a Axenda Costa da Morte) para ir recadando un sustento económico que permita regatear a crise e preparar unha boa festa.

Xa advirten que "o orzamento pouco se asemella ás anteriores edicións". Pero avisan: "iso non vai cambiar o espírito do Castelo Rock e as súas características idiosincráticas que o converteron nun signo de identidade cultural do Concello de Muros e nunha plataforma de difusión cultural de alto nivel en Galicia". Aí é nada!

E nesa liña queren facer un chamamento ao sector comercial, hostaleiro e empresarial para xuntar esforzos e converter o evento nun produto sostible que permita atraer xente ata Muros.

Un programa completo para Maio

Así, a entidade tamén ten artellado un completo programa para este mes maio de 2012.:

  • O sábado 5 de maio o Local de san Xosé acolle o concerto de Xei, unha fusión entre Cuba e Galiza, a partir das 22:00h con entrada de balde.
  • Para o sábado 12 de maio, será Kike, ex Macarrón, o que traia o seu acústico. Tamén no Local de San Xosé e con entrada de balde.
  • A proposta do 19 é máis pudiente, O Castelo Rock Expresso con 5 bandas e no Curro da Praza.
  • E para o sábado 26, toca monólogo con Santi Caamaño.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Castelo Rock.
  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).