Así será hoxe o novo feirón de Senande

A aldea muxiá de Senande celebrará hoxe luns 4 de agosto o seu popular feirón, pero desta vez farao dunha maneira renovada. Muxía Cultural ten preparado unha xornada na que haberá máis postos, unha xuntanza de danzas tradicionais e música en directo. 

O tradicional feirón de Senande celebrarase o próximo luns 4 de agosto. A cita foi tradicionalmente unha feira de produtos agrícolas e animais, pero este ano vivirá unha renovación con postos de artesanía, de comida e de produtos ecolóxicos que se sumarán aos agrícolas. Tamén haberá cestería en vivo. 

Ademais, ás 13:00 horas celebrarase unha Xuntanza de danzas tradicionais do Concello de Muxía, na que distintos grupos actuarán para todas as persoas asistentes. Despois, haberá un vermú musical a cargo de Xaramiños do Corpiño e Brassica Rapa. 

Este evento forma parte da programación de Muxía Itinerante, un programa organizado por Muxía Cultural co obxectivo de sacar a cultura do núcleo do Concello e levala a distintas localizacións de toda a contorna aproveitando os meses de verán, descentralizando a oferta cultural para facela máis accesible para toda a poboación.

Máis citas muxiás