Calculan en 55.000 persoas as que asistiron á Romaría da Virxe da Barca

Domingo na Romaria da Virxe da Barca

A Romaría da Virxe da Barca pechou a súa última edición cun balance moi positivo. “Estamos moi satisfeitos coa boa resposta de asistencia rexistrada nesta edición, a pesares das ameazas de choiva, chegando a superar as 55.000 persoas participantes nas distintas actividades da festa. De feito, na xornada do domingo asistiu máis público que o ano pasado”, indica Ramón Pérez Barrientos, presidente da Asociación Cultural da Romaría da Barca, organizadora do programa festivo.

Os aloxamentos do municipio penduraron o cartel de completo durante a fin de semana grande do evento. No caso concreto dos albergues, notouse unha importante afluencia de peregrinos estranxeiros que quixeron aproveitar a súa viaxe para descubrir o amplo programa de actos. Igual de ateigados estiveron os restaurantes e bares da capital muxiá durante as xornadas festivas, ao igual que as carpas de polbeiras e os variados postos de comida que se distribuíron pola zona do Malecón.

O páaroco tamén puxo de manifesto o incremento no número de “peregrinos de todas as partes do mundo”. Non en van, durante a Romaría da Virxe da Barca déronse cita no templo diversas nacionalidades: coreanos, taiwaneses, estadounidenses, ingleses, suramericanos, irlandeses, franceses e, incluso, de Indonesia... Un crisol de procedencias cun mesmo obxectivo: descubrir esa espiritualidade e contornas únicas que fan do Santuario da Barca un destacado lugar de culto e visita. “O peregrino que finaliza en Muxía o seu Camiño, busca aquí un espazo para a reflexión e para compilar todas as experiencias vividas durante a súa travesía... E adoita repetir”, conclúe Turnes.  

 

A convivencia entre os actos litúrxicos e lúdicos fan do programa unha combinación perfecta para atraer a todo tipo de públicos. Así, ofrecéronse durante as catro xornadas desde procesións, oficios e Misa de Campaña, ata pasarrúas de charangas, bandas de música e agrupacións folk, pasando polos espectáculos de grandes orquestras para poñer o broche de ouro co concerto da artista internacional Soraya Arnelas.

As Verbenas da Barca, das máis multitudinarias da comarca