A maxia da procesión das Antorchas da Barca

Centos de persoas acompañaron este domingo á Virxe da Barca na procesión das Antorchas, que se celebrou por segundo ano tras terse recuperado. O percorrido ampliouse ata 2,5 quilómetros, segundo explicou o párroco do Santuario, Daniel Turnes, “coa fin de facilitar que todas aquelas persoas, especialmente, ás maiores que, por motivos de saúde, non poidan participar, vexan a Nosa Señora da Barca”.
A procesión tivo que ser adiada a onte por mor das adversas condicións meteorolóxicas do sábado. O Santuario da Barca estaba xa ateigado de fieis antes da celebración da Novena do día, que contou co Vicario episcopal de Pastoral e párroco in solidum da Unidade Pastoral de Pontevedra Norte, Francisco Javier Porro. A Eucaristía estivo acompañada polas voces da Coral Polifónica de Muxía.
Unha vez finalizados os oficios, Daniel Turnes tomou a imaxe da Santa para colocala na renovada andia e iniciar a procesión. O paso contou coa participación de centos de fieis que, nun ambiente de recollemento, percorreron as rúas da vila ante as miradas de numerosa veciñanza que seguíu desde as portas e fiestras das súas casas a procesión das Antorchas.
Durante todo o percorrido fóronse mudando os portadores da andia de Nosa Señora da Barca, de xeito que puidera participar o maior número de fieis posible. A última parada da comitiva realizouse a carón da estatua de A Ferida, onde, como colofón á procesión das Antorchas, se realizou unha vistosa tirada de fogos de artificio desde o Santuario da Barca de Muxía. Concluíu a procesión coa chegada da imaxe da Santa ao templo e a bendición final do predicador da xornada e os vítores de “Viva a Virxe da Barca”.
A Novena da Barca continuará ata o 12 de setembro, contando con predicadores diferentes cada xornada. Os oficios das 19.00 horas retransmitiranse en streaming a través da fan page do Facebook e a canle de YouTube do Santuario da Barca. O Templo está aberto durante todo o día e pódese acceder ao camerín da Virxe da Barca.
Programación das Festas
O programa cultural e de lecer da Romería da Virxe da Barca de Muxía, declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 1989 e que conta co apoio da Xunta de Galicia para súa celebración, comezará o propio venres 12 de setembro. A tirada de 21 bombas de palenque ás 12.00 horas anunciarán o inicio da festa para despois dar paso aos pasarrúas de xigantes e cabezudos con grupos de gaitas pola vila (unha actividade que se repetirá todos os días da festa). Para esta primeira xornada, dedicada máis á xente nova, ofrecerase no peirao de Muxía unha sesión vermú con Disco Móvil CDC e a verbena nocturna, con Kubo, que conta co palco máis grande de España, e finalizará con CDC.
Para o Sábado da Barca resérvase a sesión vermú amenizada por Alianza, que se unirá pola noite ao espectáculo de París de Noia. Ás 00.30 horas haberá a gran sesión de fogos de artificio desde o peirao.
O día grande da Romería da Barca de Muxía, ademais da Misa de Campaña e a procesión ao peirao, ofrecerase a tradicional tirada da maior traca de bombas de palenque de toda Galicia (14.30 horas). A continuación, macrosesión vermú con Acordes e Galaxia, que repetirán pase á noite xunto coa orquestra Los Satélites.
O broche de ouro aos festexos máis grandes de Muxía porao a cantante Soraya, que actuará o luns 15 de setembro ás 23.30 horas no peirao. Durante o día, ademais da procesión das 13.00 horas, haberá sesión vermú coa Orquestra M-3 Show.