luns. 15.09.2025
El tiempo

A Romaría da Barca, a festa que mellor marida a parte etnográfica, a relixiosa e a festexeira

Romaria da Barca 2025 misa campana
Mítica imaxe dominical da Romaría da Barca na misa de campaña
A Romaría da Barca, a festa que mellor marida a parte etnográfica, a relixiosa e a festexeira

Aínda co luns de festa local por diante, Muxía fai balance da Romaría da Virxe da Barca. A festa das festas, unha das que mellor combina a parte etnográfica, a relixiosa e a festexeira, que sempre serve de peche do verán.

Foi unha fin de semana apacible no meteorolóxico, que permtiu vivir grandes momentos como ese pregón realizado pola familia corviña do CF Muxía, esa sorpresa que deu a pedra de Abalar abalando, ou a traca de bombas de palenque máis grande de Galicia.

Romaria da Barca 2025 Pregon Muxia CF
A familia corviña do Muxía CF

Despois da maxia da procesión dos fachos, a troula daba comezo o venres co pregón. “Aquí non só hai festa. Hai fe, cultura, tradición mariñeira, hospitalidade e, sobre todo, hai corazón”, sinalaron os xogadores e xogadoras, demostrando o poder social do Fútbol da Costa. "Que nunca nos falten as alegrías destas festas, nin pola forza da nosa xente e para que Muxía siga brillando coa mesma bandeira que levamos todos os domingos no campo.”

Así abrían a Barca algúns dos xogadores os deportistas do CF Muxía. O presidente do club, Juan José Busto, lembrou que “o 8 de xuño os nosos sénior masculino e feminino facían historia no libro muxián, chegando á final da Copa da Costa, nada máis e nada menos que 59 anos despois”. Un fito que agradeceron á Virxe da Barca realizando unha ofrenda floral.. Busto dedicou unhas palabras tamén á mocidade muxiá, porque “nelas está o noso presente e o futuro do noso futuro. Fontes de enerxía que impulsan as estradas e os campos do fútbol de ilusión. O voso esforzo, a vosa creatividade e a vosa unión manteñen vivo o espírito de Muxía e garanten que estas festas sigan brillando xeración tras xeración”, concluíu entre os aplausos e vítores das centos de persoas que se achegaron ata o Malecón para asistiren ao pregón.

Romaria da Barca 2025  Busto
O presidente do club, Juan José Busto

Un sentimento

Despois de dúas noites de verbena, esperada era a xornada dominical, un dos momentos máis emotivos desta auténtica romaría. Xa desde ben cedo, romeiros vidos de distintos puntos achegáronse a Muxía a vivir ese “sentimento muxián”: esa maxia que o Santuario da Barca, as pedras que se atopan ao seu arredor e súa a incrible contorna. Unha maxia que tamén permitiu que a localidade se convertese nun oasis meteorolóxico cunha xornada apracible, contrastando coa choiva que caeu noutros municipios da contorna.

Aínda así, a devoción pola Virxe da Barca bateu novamente récords de asistencia, superando as cifras de anos anteriores, nunha Misa de Campaña -cantada pola Coral Polifónica de Muxía- que achegou esta singular tradición da vila mariñeira galega a un público multitudinario. O Deán da S.A.M.I. Catedral de Santiago, Manuel Jesús Formoso Fernández, presidiu a Eucaristía xunto co cura párroco, Daniel Turnes Rey. Este último agradeceu a implicación de toda a veciñanza e dos voluntarios chegados de distintos puntos de España na organización desta cita, que colleitou un gran éxito de convocatoria.

Romaria da Barca 2025 misa

Procesión e gran traca

Tras a celebración da Misa de Campaña, integrantes de Protección Civil de Muxía portaron a talla orixinal da Virxe da Barca, datada do século XV, ata o peirao da localidade. A procesión foi acompañada pola Banda Jesús Nazareno de Ferrol e por máis dun milleiro de persoas que percorreron as rúas da capital muxián.

Romaria da Barca 2025 1

O paso chegou a un lateral da lonxa e alí procedeuse a un dos intres máis agardados e emotivos da xornada: a maior traca de bombas de palenque de Galicia. “Nesta ocasión, como novidade, unha maior potencia e máis colorido na nosa pirotecnia, lanzando as primeiras bombas de palenque desde dous barcos e non un como se viña facendo con anterioridade”, explica Ramón Pérez Barrientos, presidente da Asociación Cultural da Romería da Barca de Muxía, organizadora do programa festivo.

Unha vez finalizada a traca, Daniel Turnes procedeu á tradicional bendición da Barca, levantando a imaxe da Virxe ante a mirada emocionada do público. O son das sirenas dos barcos e os intensos vivas puxeron o broche a este acto, que deu paso a un novo percorrido da imaxe da Virxe, que foi depositada na Igrexa parroquial de Muxía, sendo esta a única noite que pasa fóra do Santuario da Barca. Mentres tanto, no peirao, comezaba a macrosesión vermú con Acordes e Galicia, que repetirán pase á noite xunto coa orquestra Los Satélites.

Luns da Barca, a xornada da veciñanza

O Luns da Barca caracterízase por estar protagonizada polas xentes de Muxía. No Santuario, haberá misas ás 10.00 horas e ás 19.00 horas.

O acto central da xornada será a saída da procesión desde a igrexa parroquial ata o Santuario, ás 12.30 horas. Unha vez de volta a imaxe da Santa no templo, terá lugar a Misa solemne presidida polo cura párroco.
Paralelamente, haberá verbena a cargo da orquestra M-3 Show. O broche de ouro aos festexos máis grandes de Muxía porao a cantante internacional Soraya Arnelas cun concerto a partir das 23.30 horas no Malecón.

Comentarios