O CEIP Os Muíños reabre a súa Biblioteca, o faro das lecturas

O plan LÍA (Lectura, Investigación, Aprendizaxe), selecciona bibliotecas que manteñen unha continuidade no traballo guiadas polo espíritu da transmisión da aprendizaxe, utilizando distintas metodoloxías, incorporando a tecnoloxía, e mantendo as boas prácticas, para conseguir que a Biblioteca Escolar sexa a fonte de recursos da escola, o punto de encontro, o faro das lecturas.

E aí sitúase a nova Biblioteca do CEIP dos Muíños, que espois de catro anos realizando melloras no espazo, imos dar por inaugurada a nosa biblioteca como “BIBLIOTECA LÍA_3”. 

A inauguración tivo lugar esta mañá de venres, coincidindo coa celebración do Día da Biblioteca, e coa presenza da Asesoria de Bibliotecas Escolares de Galicia representada por María José Pousa, acompañada de Iván Pena e Diego Rúa. Tamén estiveron presentes a inspectora de zona, Isabel Vila, a representante do Concello, Sandra Vilela como concelleira de Cultura, representantes do profesorado, dúas representantes da ANPA O Facho, María José Barrientos, e Isabel Haz, e Dimas Búa como representante dos libreiros que colaboran coa biblioteca.

Abriu o acto a directora do colexio, Aurelia Picallo, que agradeceu a presenza dos convidados e a colaboración de cada un dos ámbitos representados na comunidade educativa. Fixo un resumo da vida da biblioteca desde a súa entrada no Plan de Mellora, pasando polas reformas realizadas desde o recoñemento como Biblioteca LIA ata o resultado final que o centro goza na actualidade. 

Os asistentes foron guiados polo equipo de "Voluntariado de Lectura", composto por dez alumnos e alumnas do 3º ciclo de Primaria, que colaboran diariamente na xestión da biblioteca. Explicaron a finalidade e uso dos distintos espazos que ocupan os 200 m2  desta biblioteca escolar, que leva en funcionamento desde a creación do Colexio dos Muíños no ano 1984.

Ademais do Plan LIA (Lectura, Información e Aprendizaxe), que supón un recoñecemento polo traballo desenvolvido nos centros públicos desde a creación do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) no ano 2005, a biblioteca participa en distintos plans: Voluntariado de Lectura, Club de Lectura, Radio na Biblio, Biblioteca Creativa, Libros que veñen e van, e Lectura e Familias

Sen dúbida, unha referencia nunha comarca na que temos algunhas das mellores bibliotecas escolares do país.

Máis novas