O CEIP Milladoiro de Malpica recolle o Premio da RAG "Na lingua que eu falo"

Que Malpica é un refuxio lingüístico para o galego non é novidade. Pero pouco a pouco, as administracións se van decatando da importancia destes espazos onde a lingua forma parte da identidade.
Unha das que quere poñer en valor a labor destas escolas do noso rural é a Real Academia da Lingua, que vén de recoñecer co Premio Na lingua que eu falo ao Colexio de Educación Infantil e Primaria Milladoiro de Malpica de Bergantiños.
O centro bergantiñán estrea este premio que ten o propósito de recoñecer persoas, proxectos, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística entre a poboación infantil, semente de futuro da lingua, do país. Un premio que trata de compartir medidas dirixidas á infancia e á mocidade galegofalante, para que o sistema educativo non promova o abandono do idioma propio e este siga a ser a súa lingua de uso habitual en todos os contextos.
A resolución da primeira edición anúnciase cadrando coa celebración, este venres 26 de setembro, do Día Europeo das Linguas, ocasión que a institución aproveita para pedir unha vez máis un maior compromiso, desde a UE e desde Galicia, coa defensa do idioma propio.
Un recoñecemento á transmisión interxeracional
O Premio Na lingua que eu falo nace ao abeiro de Primavera das Letras, o proxecto web da Academia dirixido ao público infantil, que desenvolve desde 2016 co apoio da Deputación da Coruña. Toma o seu nome dun verso da obra fundacional das letras galegas contemporáneas, os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, que resalta a importancia que ten en concreto, dentro dese vivir e expresarse na nosa lingua, a práctica oral do galego entre as novas xeracións, protagonistas do futuro deste don colectivo.
A concesión do I Premio Na lingua que eu falo ao CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños é, nesta liña, “un galardón, en primeiro lugar, ao bo facer do profesorado”, salienta o presidente da Academia, Henrique Monteagudo, no anuncio remitido ao centro. “E tamén é un premio ao conxunto da súa comunidade educativa, rapaces e rapazas, nais, pais, avós e avoas e persoal dos servizos complementarios da escola”, prosegue. “Este colexio actúa ademais nesta ocasión como representante dunha comarca, a de Bergantiños, que serve a toda a sociedade galega de espello no que se mirar. Terra orgullosa da nosa fala onde atopamos os mellores datos de transmisión interxeracional do idioma, do tesouro que conservaron e nos transmitiron as cantareiras ás que este ano a Academia, e Galicia enteira, quixemos renderlles homenaxe co gallo do Día das Letras Galegas”, valora así mesmo o presidente da RAG.
“Con este premio queremos proxectar a lingua cara ao futuro, reforzando os seus piares entre a xente miúda e recoñecendo, nesta primeira edición, o exemplo intelixente do CEIP Milladoiro, onde o galego se aprende, se usa e se ama, sen prexuízos nin complexos”.
Múltiples iniciativas arredor dun patrimonio común
Conscientes do labor importante que desempeña e a grande influencia sobre a vida dos máis de 140 nenos e nenas que atende, o profesorado do CEIP Milladoiro traballa para deseñar un ambiente de aprendizaxe que convide a soñar, a ilusionarse, a que os alumnos e alumnas confíen en si mesmos e desenvolvan un pensamento crítico, empático e creativo. Un futuro no que a identidade lingüística sexa unha realidade en todos os contextos, resúmese desde o colexio. “A nosa idea foi sempre que os pequenos e pequenas aprendan a valorar o noso rico patrimonio inmaterial e material, creando conciencia da necesidade da súa protección e conservación, que estean orgullosos e orgullosas do noso, hoxe e sempre”, expón Fátima Romero Olveira, responsable do equipo de biblioteca escolar-dinamización da lingua (BE-DL) do colexio malpicán, do que tamén forma parte Sandra Cao Álvarez, que ocupou a xefatura de estudos durante catro cursos e foi directora cinco máis, ata o pasado mes de xullo.
A nova directora, Ana Seoane Cives, reivindica o legado que herda con ilusión e co compromiso de seguir a traballar para que o CEIP Milladoiro continúe sendo un referente en materia de normalización lingüística coa colaboración de toda a comunidade educativa. “No noso centro o galego é patrimonio común: usándoo e respectándoo, fortalecemos a nosa identidade e a nosa cultura”, expresa.
Fina Casalderrey, mestra xubilada, valora especialmente as actividades que o CEIP Milladoiro desenvolve desde hai anos coa competencia oral en galego na cerna. É o caso, entre outras, daquelas enmarcadas na programación da radio escolar, Radio Balea; o DichoLeo, un proxecto centrado na alfabetización audiovisual na que o alumnado grava pequenas pezas coas que traballa nas interferencias lingüísticas e amplían e melloran o vocabulario galego; o Galicómic, unha proposta na que cada aula crea a súa propia banda deseñada; ou libros de produción propia como o Dicionario mariñeiro ou o Dicionario malpicán, nos que tamén se lle dá o protagonismo á rapazada da man das súas familias. Fina Casalderrey aplaude asemade outras propostas como E ti, de quen vés sendo?, na que todo o alumnado participou na confección dun xogo de mesa con preguntas arredor de Malpica de Bergantiños, no marco do proxecto documental integrado Patrimonio In-Material!