O Festival Comarea volve a Muxía a ponte de decembro para encher o inverno de música e cultura

Imaxe dunha actuación do Comarea 2024-Foto-Diego Otero

O Festival Comarea volverá un ano máis a encher Muxía de música e cultura. Tras 4 anos de pausa, en 2024, a xente de Horta Creativa retomaba a motivación inicial: construír unha escena cultural local, integradora e aberta, na Costa da Morte, agora en clave de desestacionalización para ofrecer un fito festexeiro interxeracional e diverso en estilos musicais (folk, funk, electrónica ou músicas do mundo). 

A cita Festival Comarea 2025 volve a Muxía do 4 ao 7 de decembro con concertos, faladoiros, obradoiros e outras moitas actividades que terán lugar en distintos espazos da vila. 

En breve xa anunciarán nas redes de @comarea_ o programa completo e a venda de entradas, xa que, como cada ano, unha parte do programa será de pago e outra de acceso libre. 

Manifesto a favor da cultura no rural

Comarea é un manifesto a favor da cultura no rural, demostrando que se poden crear experiencias de calidade fóra das grandes cidades. Celebralo no inverno é un reto, pero tamén unha oportunidade para combater a imaxe de “vila postal” e ofrecer alternativas culturais vivas durante todo o ano.

Nas edicións anteriores recibimos a artistas de renome como Dennis Ferrer, Carl Craig, Anna, Cora Novoa, Fernando Costa ou Guts. En 2024, abrimos o abano a novos xéneros (rock, funk, electrónica ou músicas do mundo) para ampliar o público e apostar pola calidade por riba da cantidade.

Experiencia integral con actividades paralelas

Un dos alicerces do Comarea é crear unha experiencia integral que vai máis alá da música: obradoiros infantís para fomentar inquedanzas culturais dende a infancia; accións medioambientais, como limpeza de praias e obradoiros; faladoiros culturais sobre temas relacionados coa Costa da Morte; gastronomía local, con postos de restauración de cómida típica para poñer en valor o potencial gastronómico galego. 

Por todo iso, Comarea non é só un festival, é unha declaración de principios e unha aposta pola cultura viva no rural, a música diversa para públicos diversos, o respecto pola contorna natural e social, e a creación experiencias auténticas que unen á veciñanza e atraen visitantes.