venres. 17.01.2025
El tiempo

A coprogramación como receita para a boa sintonía entre administracións e a iniciativa cultural privada/social

Viki Rivadulla e Nieves Lema no Faladoiro Cultural Comarea en Muxia-Foto-Diego F Otero
Viki Rivadulla e Nieves Lema no Faladoiro Cultural Comarea en Muxia-Foto-Diego F. Otero
A coprogramación como receita para a boa sintonía entre administracións e a iniciativa cultural privada/social

A pleno rendemento está o Festival Comarea, convertindo esta ponte a Muxía no epicentro cultural da comarca. Unha seriae de actividades que comezaban este pasado xoves cun Faladoiro Cultural no fermoso auditorio da Biblioteca Municipal, rescatada tras anos de esquecemento.

O Faladoiro reflexionou sobre o estado de saúde do sector cultural da comarca, e afondou na relación entre o sector público e o privado/social. Para iso, a charla contou con 3 grandes profesionais do sector, como son a artista local Viki Rivadulla, a técnica de Cultura de Vimianzo, Nieves Lema, e o alma e promotor da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela, nunha mesa moderada por Ubaldo Cerqueiro, coordinador de QPC.

Comezaba Viki destacando a gran creatividade que ten esta comarca, pero tamén recoñecendo que a vida cultural en demasiadas ocasións depende do activismo da sociedade, deses axentes sociais que as administracións tanto teñen que coidar, para que ese entusiasmo non caia na utopía e precarización. Alertou tamén do perigo da turistificación cultural (crear cultura para os de fóra), e aposta pola patrimonialización para non acabar sendo un vestixio do que fomos.

Na reflexión inicial Nieves apuntou que o “asociacionismo está moi vivo”, e que co Faro posto na aldea do Couto se poden facer cousas moi boas. Para iso, fixo fincapé nas alianzas/sinerxias entre os Concellos e as entidades organizadoras, baseado na programación conxunta e no reparto de traballo. Ademais propuxo a creación dun “mapeo cultural” que nos permita coñecer as actividades de toda a comarca.

Ubaldo Cerqueiro e Xose Maria Varela no Faladoiro Cultural Comarea en Muxia-Foto-Diego F Otero
Ubaldo Cerqueiro e Xose Maria Varela no Faladoiro Cultural Comarea-Foto-Diego F. Otero

Xosé María Varela puxo o paralelismo coa canción de Sés “Aínda seguimos aquí”, a pesar das trabas da administración, entre as que destacou a contraprogramación, ou o afán de protagonismo que sufriu durante ante anos de grupos municipais cortos de miras.

Para saír da endogamia cultural, apostan por sacar a cultura á rúa (como o proxecto Costa da Vida de Vimianzo), e crear espazos para que a xente se sinta cómoda creando, buscando así novos formatos e novos públicos. Nesa liña, facer do protagonista ao talento local é receita asegurada. Nieves puxo o exemplo do éxito do Asalto e de como o Concello foi acompañando aos colectivos organizadores, nomeadamente as Asociacións Culturais repartindo traballo e mantendo reunións continuas para coprogramar.

Varela debullou por encima cos 40 anos de voluntariado activo, de traballo de canteira, de coidado dos axentes locais con gañas de facer cousas, apostando por unha programación estable para demostrar que as aldeas, como a do Couto, tamén poden ser epicentro cultural. “É necesario activar as aldeas”.
En base á experiencia, apelou ao traballo das heroicas comisións de festas para conseguir fondos, e preparar vídeos para verder o seu traballo nas administracións.

Faladoiro Cultural Comarea en Muxia-Foto-Diego F Otero
Faladoiro Cultural Comarea en Muxia-Foto-Diego F Otero

Houbo tempo tamén para falar da Programación Continua, tan necesaria para encher os auditorios, en base á creación de hábitos culturais entre a veciñanza. Aconsellou anunciar os programas con tempo, que sexan diversos e utilizar as efemérides só como apoio. Ademais, a cultura non é gratis, hai que cobrar.

Quedou pendente falar da profesionalización do sector, algo que o fantástico grupo que forma Horta Creativa, herdeiros da Asociaciñón Cultural e actual promotores privados do festival Comarea, representa á perfección neste festival e no Camping Lago Mar.

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

A post shared by Comarea (@comarea_)

Comentarios