Muxía celebra as raíces mariñeiras co Mercado das Rutas do Mar

Este ano 2012, os días 11 e 12 de agosto, chegamos á VI Edición do Mercado das Rutas do Mar, que artella o Concello de Muxía. Unha festa que serve para celebrar as nosas raíces mariñeiras e por conseguir a implicación real de todos e todas.

I é que Muxía é un municipio no que a terra e o mar teñen unha grande importancia, destacando na súa cultura, como en toda a Costa da Morte, as estratexias adquiridas ao longo do tempo para poder convivir coa bravura do mar, o nordés e os cantís que fan tan fermosa a nosa costa.

Así, na vila da Barca sinten como un orgullo pertencer a esta cultura mariñeira, a que tan ben cantou o poeta do mar, o poeta Gonzalo López Abente (lembren a ruta abentina desta fin de semana), e tan ben retratou o querido fotógrafo Ramón Caamaño.

Por todo iso, o pobo muxián, a gran alma da festa pois a participación veciñal é total, quere invitar a toda a bisbarra a disfrutar da mellor gastronomía, da mellor música, artesanía... e amosar os elementos que conforman a forma de vida dos antepasados e que chega ata nós en forma de tradición.

Así, e no marco dun ambicioso programa cultural de verán, a fin de semana do 11 e 12 de agosto, a parada é obrigatoria na mariñeira vila da Barca.

Programa

Serán dous días completos de troula. Ademais de disfrutar da vila engalada con redes, nasas, aparellos... as actividades comezarán ás 12:00h e non pararán ata entrada a noite. Haberá pasarrúas gaiteiros ao longo do día, haberá un interesante obradoiros de destilación, haberá teatro de rúa e malabares con Xarop de Canya; Tonitón traerá a nota circense e o Fauno, xa un clásico desta clase de festas históricas como o Mercado Medieval de Corcubión, meterá medo a todo o que pasee por alí...

Unha das citas máis singulares será a Noite do Prácido Luar, que a Fundación Eduardo Pondal e a Asoc. Monte Branco trasladan a vila de López Abente. Será o sábado ás 20:00h.

O cumio será o domingo, antes do peche, cando todos os persoeiros que levarán Muxía atrás no tempo fagan unha acción final conxunta no barco instalado no medio da vila. Será arredor das 22:00h, antes da degustación de peixe.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte