Muxía, escenario do novo videoclip de Luar Na Lubre

Bieto Romero con Pepe Formoso en Muxía

Así o presentaba esta mañá Bieito Romero na vila da Barca. O líder da banda máis internacional de Galicia ofrecía unha rolda de prensa na que anunciou que a banda folh coruñesa gravará a finais de abril o seu próximo videoclip nesta localidade da Costa da Morte.

O vídeo gravarase con varias cámaras e un dron en varias localizacións desta vila, entre elas o entorno d’A Barca e o albergue Bela Muxía.

Este video-clip poñerá imaxes ao tema ‘The Sailor Hornpipe/Pasacorredoiras’ do último disco do grupo, ‘Extra Mundi’, que foi publicado por Warner Music a finais do ano pasado. É un tema tradicional de orixe británica e carácter mariñeiro que acompaña neste traballo mundial á canción que leva o nome de ”Fisterra”, que poden escoitar aquí:

Mini-concerto aberto ao público

As imaxes serán gravadas o día 30 de abril se as condicións meteorolóxicas o permiten. Para iso Luar na Lubre ofrecerá un mini-concerto acústico no albergue Bela Muxía, que será gravado e que está aberto á participación do público. Quen queira participar (e aparecer así no videoclip) terá a oportunidade de facelo participando nun sorteo a través das redes sociais do grupo.

Teredes que estar atentos ao Facebook Oficial de Luar na Lubre.

30 anos de Luar Na Lubre

Neste 2016 Luar Na Lubre está a celebrar por todo o alto que cumpren 30 anos de existencia, cunha xira por toda a Península presentando o seu último álbum, ‘Extra Mundi’. Trátase dun traballo con 14 temas no que hai versións de cancións tradicionais doutros países ademais de creacións propias e adaptacións de temas galegos.

Entrevistas con Luar na Lubre

Máis información

Luar na Lubre na Costa da Morte

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).