Piden inspeccionar as liñas de alta tensión e ao cumprimento das distancias de seguridade
Esta pasada semana os traballos a destempo de roza nunha Liña de Alta Tensión provocaban un incendio en Vimianzo. Unha situación que xa se repetiu noutras ocasións e que non pode volver a acontecer.
Nesa liña, é o BNG de Muxía o que insta ao goberno local, a través dunha moción presentada no último pleno da corporación, a realizar de maneira inmediata unha inspección das liñas eléctricas de alta tensión que atravesan o termo municipal, priorizando os tramos próximos a núcleos, vías públicas e masas forestais para identificar os puntos con matogueira ou vexetación seca, árbores ou pólas próximas aos condutores, especies incompatibles, risco de caída ou posible incumprimento das distancias de seguridade, incorporando localización e documentación gráfica.
Así mesmo, na iniciativa presentada, e que foi aprobada pola corporación, os nacionalistas pediron que o Concello remita de inmediato o resultado da inspección ás empresas titulares, distribuidoras ou xestoras responsables, requiríndolles a roza e retirada da biomasa, a poda ou corta das pólas e árbores perigosas, a eliminación das especies non permitidas e a revisión específica das distancias de seguridade nas liñas de alta tensión. As empresas deberán comunicar ao Concello o calendario de execución e acreditar posteriormente os traballos realizados.
O BNG solicitou que se dea traslado da situación á Consellería do Medio Rural, á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, dependente da Consellería de Economía e Industria, á Dirección Xeral de Defensa do Monte e ao distrito forestal correspondente, solicitando a inspección urxente, a identificación das entidades responsables, os requirimentos e expedientes que procedan e, en caso de incumprimento ou risco grave, a adopción de medidas cautelares e a execución subsidiaria dos traballos con repercusión dos custos á entidade obrigada. Solicitarase tamén a revisión das redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa existentes no municipio.
“Xa está superado o prazo no que debían estar executados os traballos preventivos, existen tramos con matogueira, vexetación seca, pólas e árbores próximas aos condutores”, indicou o BNG, que cre que existe un incremento do risco de que unha avaría, un arco eléctrico, a caída dunha árbore ou o contacto da vexetación coa instalación poida iniciar ou propagar un incendio cara aos montes, vivendas e núcleos próximos.
A formación nacionalista tamén pediu incorporar ao Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais -cando o haxa- un programa anual de inspección das liñas eléctricas e das súas franxas de seguridade, de maneira que as deficiencias poidan ser detectadas e comunicadas coa antelación suficiente, de xeito que estea arranxada a situación antes do 31 de maio de cada ano.