Na xornada do pasado venres, 12 de agosto, Xan Fernández Carrera impartiu un curso intensivo en Muxía dirixido a todas aquelas persoas contratadas na segunda quenda de Emprego Xuvenil e que vaian desempeñar unha labor informativa de cara ao público.
Fernández Carrera propuxo unha serie de puntos e rutas de interese dentro do municipio para a correcta información dos turistas que visiten a vila da Barca. Centrouse tamén na orixe e na situación de Muxía na Costa da Morte e outros datos de interese sobre a vila, como as rúas ou os sitios a visitar. Por outra banda, Xan Fernández Carrera tocou as rutas, a pé ou en coche, por todo o concello. A información dividirase en tres bloques: o núcleo urbán muxían, as parroquias, e o resto da Costa da Morte.
Dende o Concello de Muxía apuntan que o obxectivo é o de oferecer un turismo de calidade e achegar a todos os visitantes a historia, a orixe e a cultura do municipio. Nesta quenda inaugurarase un novo punto de información turística, ampliando así a oferta informativa. A nova ubicación estará na zona da Barca, e prestará especial atención ao Santuario da Barca e as súas lendas.
Obradoiro de Emprego
Temos que facernos eco tamén das actividades de verán que se levaron a cabo nos últimos días no concello muxían. O pasado xoves, 11 de agosto, o Edificio de Servizos Múltiples da Camposa acolleu un Obradoiro de Orientación Laboral, da man de José Manuel Vilaboy Lois.
O curso, organizado polo Concello de Muxía, estaba dirixido a estudantes e desempregados. Durante as dúas horas que durou a actividade, os rapaces acadaron habilidades acerca de cómo facer un bo currículo, ou como comportarse nunha entrevista de traballo. Tamén amosáronse técnicas de autopromoción de emprego ou emprendedurismo, e déronse a coñecer programas e proxectos públicos de emprego.
Ao curso tamén asistiron os mozos que están dentro do Plan Municipal de Emprego, que acaban o contrato a vindeira semana, dando paso á seguinte remesa.