Emma Núñez, dende Carballo facendo historia no Karate galego

Enma Nunez campiona de Europa de Kata por equipos

”En Galicia xa fixo historia. En 50 anos que leva o karate instalado en Galicia, é a primeira persoa que entra na selección nacional en modalidade de Kata, e por suposto, a única que conseguiu subirse un podio a nivel europeo coa roja". Así de orgulloso conta Seve Núñez, natural de Cerqueda, os triunfos deportivos que está conseguindo a súa pequena Emma Núñez. Con só 17 anos, vén de proclamarse campiona de Europa por equipos na categoría Cadete-Junior en modalidade de Kata, no campionato celebrado esta pasada fin de semana na cidade dinamarquesa de Aalborg. Fíxoo facendo equipo coa valenciana María San Francisco e a malagueña Sabrina Sabo.

“Estou sen palabras, sentir o himno nacional cun pavillón en Dinamarca enteiro de pé pola túa nena, é algo impensable. Na vida podes soñar con algo así e, mira, chegou”, trata de explicar Seve.

Todo un fito para unha rapaza que leva toda a vida adicada a este deporte, da man do seu adestrador Carlos Felpeto, mestre no club Kárate-Do Carballo. “Estamos onde estamos gracias a el”, apunta en gratitude Seve.

Nada na Coruña e residente en Cerceda, Emma adestra na capital bergantiñá e todas as semanas visita a casa familiar de Cerqueda, onde os avós paternos coidan o Bar Asturiano.

Así vai levando o nome da Costa da Morte polo mundo. De feito, esta fin de semana xa ten un novo campionato internacional en Matosinhos, onde estarán representados 4 países, e Enma aspira a subir ao podio. “Dáselle ben Portugal onde está moi ben considerada, pois xa fixo podios en varias probas de Oporto, Monçao…”

Inoportuna lesión que non impediu o éxito

A toda esta aventura hai engadirlle o plus da superación. O 2018 foi un ano duro para Emma, pois arrastrou unha lesión que a deixou fóra dos tatamis. “Mesmo a traumatóloga aconselleulle que deixara o deporte, pero buscamos alternativas e gracias a grandes profesionais como Isma Calvo, readaptador de lesións deportivas, que nos leva guiando na rehabilitación, puidemos seguir competindo a este nivel”, agradece Seve.

Campiona galega en todas as categorías

Enma empezou con 6 anos, agora mesmo ten 17. Comezou na Coruña pero pronto viu a Carballo para adestrar e xa o primeiro ano co club carballés quedou campiona galega. E leva 11 anos consecutivos quedando campiona galega en todas as categorías, 8 consecutivas en Kata (forma e técnica), que o dela, e 3 en Combate.

Ademais, leva na Selección galega dende 2010, percorrendo a xeografía española por completo. Entre os seus títulos está o bronce do campionato de España en 2016, ou tamén a terceira praza na primeira Liga Nacional da Federación que se armou en 2017.

Apenas hai dous meses deu o salto á seleccion nacional, é á terceira cita xa conseguiron nada menos que esta medalla de ouro europea por equipos.

Un futuro pasado polo Karate

E precisamente tiña pensado adestrar e adestrar para o Campionato do Mundo que se vai celebrar en outubro en Chile. Pero Emma cumpre anos no verán, e pasa de categoría, a sub-21, polo que non chegará. “Xa está moi complicado entrar. Pero bueno, nunca se sabe, e pode que en outubro a chamen para estar en kata individual en Chile”, valora con esperanza.

”Agora toca centrarse nos estudos”, explica o pai, “e o de competir haberá que ir vendo. Pero o que ten claro é que o día de mañá quere sacar o curso de nivel deportivo e abrir o seu propio ximnasio”.

Toda unha demostración de amor polo deporte.