Iago Canosa volve ca medalla de prata sub23 da Copa de España de Slalom

Iago Canosa, do CDM Piraguismo Dumbría, en Le Seu

O padexeiro dumbriés acadou o 7º posto absoluto en K1 Sénior

Volvía á vila pirenaica Le Seu d’Urgell o padexeiro costeiro Iago Canosa, para participar este pasado sábado, como único reprensante do CDM Piragüismo Dumbría (a selectividade impedía acudir a outros destacados deportistas do clube, coma Lorena Costa, Jorge Quintáns, ou Brais Perez) nunha nova proba da Copa de España de Slalom. Faciao no K1 Sénior, e fixo unha gran proba.

Pasou as preliminares con solvencia, sin necesidade de pasar pola repesca, cun 9º posto. Na ronda semifinal fixo unha baixada sin penalizacións que lle permitiu pasar á final co 8º mellor tempo, a apenas 4 segundos do diploma olímpico Samuel Hernanz, que finalmente se imporía na proba nunha final na que Iago foi 7º.

E iso que non se conformaba con esas prazas, e arriscou buscando a sorpresa e acabou levando penalizacións que o distanciaron a dez segundos do vencedor, logrando iso si, finalizar nun brillante 2º posto na categoría sub23, só por detras do Campión do Mundo e de Europa, Miquel Travé.

Este resultado é destacable por que esta categoría terá o seu própio podium nos Campionatos de España que se celebrarán neste mesmo escenario no mes de agosto.

A vindeira proba do CDM Piragüismo Dumbría será o Campionato Galego de Slalom, que terá lugar en Covas, organizado polo CD Miño Teixugos de Goian.

Novas relacionadas