Máis de 250 atletas enchen Muros este sábado no X Dúatlon Eleuterio Balayo

Participaron na presentación do Duatlón muradán a alcaldesa María Lago, o concelleiro Damián Torea, as concelleiras Sandra Maneiro e Laura Rivadeneira, e Quico Lestón, técnico de Deportes

Todo preparado en Muros para a 10ª edición do Dúatlon Eleuterio Balayo, que se celebrará este sábado, día 18 de abril, con máis de 250 participantes. A proba, xa consolidada no calendario deportivo galego, será un ano máis o escenario do Campionato Xunta de Galicia Supersprint nas categorías cadete, xuvenil e júnior. Ademais, haberá unha proba popular na modalidade Sprint.

A proba parte da zona do recheo ata a antiga Fábrica de Sel no sector a pé, e na estrada de Muros a Louro para a proba ciclista.

Os horarios das probas serán ás 14:45 e ás 17:00 horas.

Unha proba organizada polo Concello de Muros e a Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno (FEGATRI), coa colaboración da Policía Local de Muros; Protección Civil de Muros; Garda Civil Muros; Brigada de Obras; GES Muros; persoal da área de Deportes e clubs locais; Secretaría Xeral para o Deporte, e a Universidade de Santiago de Compostela.