44 anos dando de comer

Son moitos 44 anos, vendo pasar cativos e cativos, sempre cunha culler na man e un enorme sorriso posto. Así recordan centos de rapaces de Ponteceso a Josefa Amado, Mª Carmen Figueiras e Mª Jesús Varela, as mulleres que levaron os mandos da cociña do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso dende o ano 1971 ata agora. Agora toca xubilarse, xa van moitas comidas servidas, e a veciñanza, o centro e mais a ANPA, quixeron renderlle unha emotiva homenaxe.

Aguantaron o tipo as tres na cea-homenaxe que se celebrou no restaurante Canta La Rana de Buño, pois se viron máis bágoas entre os asistentes que nas súas meixelas. Pero é que non pararon case nin para comer. Acostumadas a servir, verse co prato na mesa non lles prestaba, e estiveron toda a cea de arriba para abaixo, falando cos antigos mestres, co antigo director, cos vellos e non tan vellos alumnos…

Os netos entregáronlle uns ramos de froles e o primeiro director Venancio Graña, o actual encargado do comedor Xalo, e Miguel, da ANPA, entregáronlle unhas placas conmemorativas cunha foto do centro, que de seguro lucirán enriba da tele das súas casas durante moitos anos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
  • Información e fotos achegadas pola ANPA Eduardo Pondal.