A Fundación Eduardo Pondal recibiu visita institucional

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, visitou a pasada mañá o concello coruñés de Ponteceso e a Fundación Eduardo Pondal. Unha fundación que anda na posta a punto da súa Escola de Verán.
Na súa visita, a primeira de carácter oficial que realiza a este municipio, o conselleiro estivo acompañado polo alcalde e presidente da Fundación Eduardo Pondal, José Luís Fondo Aguiar, polo secretario desta institución, José Manuel Varela, e polo concelleiro de Cultura, Óscar Rey.

Durante a súa primeira visita oficial a Ponteceso, o conselleiro de Cultura e Turismo amosouse satisfeito por estar preto de onde naceu Eduardo Pondal "ao pé do belísimo estuario do río Anllóns e cara o cabo Roncudo". Roberto Varela quixo, ademais, felicitar á Fundación Eduardo Pondal "polo excelente traballo a prol da cultura e do turismo que vén realizando nesta vila". Deste xeito, destacou "o intenso esforzo" levado a cabo para poñer en marcha a sede da fundación e "para dotala de actividades que están a convertela nun lugar para o encontro coa cultura con vocación de perdurar".

No percorrido por Ponteceso, o conselleiro de Cultura e Turismo puido coñecer o Concello e a Casa da Cultura de Ponteceso. Este inmoble alberga actualmente unha exposición de xoguetes dirixida por Ricardo Pérez Verdes, que fixo de guía pola mostra.

Seguidamente, a comitiva trasladouse á Fundación Eduardo Pondal, onde visitaron distintas estancias da Casa do Cura, o edificio que é a sede da fundación. No salón de actos, os asistentes foron recibidos por una benvida musical a cargo de Silvia Losada, que interpretou a canción titulada Ponteceso, con letra dun poema de Pondal. Acto seguido, puideron contemplar unha serie de proxeccións audiovisuais sobre as tarefas e actividades levadas a cabo pola Fundación.

Durante a celebración deste acto, o alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Blanco Amor fixo entrega ao conselleiro de Cultura e Turismo dun busto pondaliano.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Xunta.