Martes. 16.04.2024
El tiempo

O monitorado presenta a Escola de Verán 2011 da Fundación Eduardo Pondal

O monitorado presenta a Escola de Verán 2011 da Fundación Eduardo Pondal

Na tarde de onte venres 8, o monitorado que se vai facer cargo das tarefas da Escola de Verán 2011 da Fundación Eduardo Pondal presentou no Salón de Actos da Casa do Cura o programa de aprendizaxe e lecer que vai desenvolver nestes meses de xullo e agosto. Porque o vindeiro luns, arredor duns 50 nenos e nenas da ribeira baixa do Anllóns xa non terán escusa para pasar as mañás aburridas neste tempo de verán.

Na presente edición da Escola de Verán establecéronse dous grupos de alumnado de acordo á súa idade e ás tarefas a desenvolver. O primeiro grupo, conformado por alumnado de 3 a 10 anos, desenvolverá as súas actividades na Fundación Eduardo Pondal. Con eles estarán as monitoras Tamara Lema Rodríguez, Sofía Araceli González Fondo, Uxía Varela Bermúdez, Lucía Blanco Tedín, David Amado Baneira e Teresa Lema Pérez. Desenvolverán tarefas de oralidade, arte, música, danza, xogos e predeporte. A coordinadora deste grupo de alumnos e monitoras será Patricia Bellón Mato.

O segundo grupo desenvolverá as súas tarefas na Casa dos Veciños. A el acudirán alumnos de 10 a 17 anos. Como docente, contarase coa presenza diaria de Daniel Puente Bello (fillo de Xabier Docampo). O monitor será Rodrigo García García. A coordinación deste grupo e o asesoramento histórico correrá a cargo de Luís Giadás Álvarez. Este grupo desenvolverá actividades relacionadas con Pondal e as novas tecnoloxías. As propostas son as seguintes: aprendizaxe na obtención de imaxes fotográficas e videográficas, montaxe de vídeos, traballo de campo, localización xeográfica de topónimos pondalianos, leccións de patriminio e historia, leccións de toponimia. Para o traballo de campo tomarase como base o traballo “Toponimias del pequeño valle de Puenteceso”, obra de Eduardo Pondal. Ademais, contarase coa presenza de dous convidados coñecedores da toponimia galega e do patrimonio da Costa da Morte como son Fernando Cabeza Quiles e Evaristo Domínguez Rial.

Outros convidados que acudirán a esta Escola de Verán serán Carlos Conde, Ricardo Pérez Veres, Fran Alonso, Xurxo Souto, Xabier P. Docampo, Magín Blanco, os gaiteiros do Centro Coreográfico Galego, Guadi Galego, Alba Costa, Silvia Losada, Diana Varela Puñal, José Antonio Touriñán. Os convidados aparecerán pola escola os martes e os venres.

Ademais realizaranse tres saídas. No mes de xullo irase á Fundación Neira Vilas durante todo o día. No mes de agosto, acudirase á casa natal de Eduardo Pondal e acudirase a unha nova representación das Noites do prácido luar.

Para o venres 12, a modo de fin de escola, programouse Expo Clausura na que, en horario de noite, se realizará unha exposición de produtos e se proxectarán os vídeos creados na mesma.

Novas relacionadas

  • Escola 2010: Personalidades do país poñen de novo ao Couto como epicentro cultural .
  • Escola 2010: O humorista José Touriñán fíxolle un cásting aos alumnos da Escola de Verán do Couto .
  • Escola 2010: Xurxo Souto encheu con música de acordeón diatónico a Escola de Verán de Monte Branco.
  • Escola 2010: O músico Pablo Díaz puxo a cantar a todo o alumnado da Escola de Verán de Monte Branco.
  • A canteira de Monte Branco impartirá docencia na Escola de Verán 2010 .
  • Fonte

    • Nota de prensa da Fundación Eduardo Pondal da man de Xosé Manuel Varela.

    Comentarios